Chamorro (alumno): “Ver o mundo real é clave para seguir aprendendo”

24.03.2023. III EDICIÓN EMPRESA FAMILIAR GALEGA NAS AULAS – ALUMNO (ALTIA)

 

Sergio Chamorro é alumno de segundo curso de formación profesional en robótica e automatización do colexio Hogar Afundación (Vigo). Este trimestre, xunto cos seus compañeiros, recibiu no centro a visita de Adolfo Román, director asociado de Altia e puido coñecer de primeira man as instalacións da empresa na Coruña. Sergio está a piques de finalizar a súa formación, pero teno claro. “Ver o mundo real, como se aplican as cousas, é clave para seguir aprendendo e unha boa forma de acabar”, explica Sergio.

“Cada vez escoitamos máis falar da nube e da acumulación de datos. Visitar Altia permitiunos velo e saber onde se gardan eses datos de verdade” conta o estudante.

“Hai dous anos estiven en Dublín traballando nunha fábrica facendo servidores. Poder ver onde se instalan e como se usan, completa esa formación” destaca Sergio.

“Ver como unha empresa familiar pode crecer a un nivel espectacular é moi motivador. Faiche saber que podes traballar aquí desde Galicia”, explica o alumno.

A visita de Altia ao colexio Hogar Afundación forma parte da iniciativa Empresa Familiar nas Aulas, impulsada pola Asociación Galega da Empresa Familiar (AGEF) e Afundación, Obra Social de Abanca. No curso 2022-23, 700 mozos e mozas de educación secundaria (ESO), bacharelato e formación profesional (FP) de 17 centros educativos de toda Galicia participan no programa con 17 empresarios e empresarias das principais empresas familiares galegas.

 

Na imaxe: O director asociado de Altia, Adolfo Román, durante a súa charla #ante os estudantes do Colexio Hogar Afundación. Punto GA / Lalo R. Villar