14 Mai Cinco consellos para teletraballar optimamente
14 de maio de 2020. Preto do 9% das persoas ocupadas en Galicia teletraballan e podería facelo ata o 29,5% (máis dun millón de profesionais). Así o indica un estudo do Banco de España que sinala que o 80% da poboación española optou por teletraballar durante o confinamento da crise do coronavirus. O teletraballo continúa a ser unha das recomendacións no entorno laboral durante a crise do coronavirus nos departamentos e tipoloxías profesionais nas que sexa posible a súa aplicación, unha modalidade que veñen de incorporar cada vez máis empresas familiares en Galicia e que debe seguir unhas recomendacións para realizarse coa maior eficiencia.
Estes son os cinco principais consellos para teletraballar da forma máis óptima en base á guía de boas prácticas elaborada pola Unión de Mutuas.
Escoller un lugar illado e acondicionado
Traballar nun espazo ordenado, ben ventilado e illado das posibles interrupcións cotiás da casa é a mellor maneira de manter a concentración e a produtividade. É importante que o espazo conte cunha boa iluminación, primando a luz natural e complementándoa coa artificial, para evitar a fatiga visual e posibles deslumbramentos.
Coidar a postura corporal
Se non contamos cun equipamento similar ao que temos no noso posto de traballo, como cadeiras de altura regulable e repousabrazos, debemos acondicionar o asento para adaptalo á postura saudable do corpo, situar a pantalla do ordenador á altura dos ollos ou manter o apoio lumbar. Coidar a postura corporal é imprescindible tanto se traballamos con ordenadores como con outros dispositivos, e tamén facer pausas para practicar exercicios que axuden a reducir a fatiga física, mental e visual.
Garantir a seguridade da información
Os riscos na seguridade da información que manexamos no desenvolvemento do noso traballo deben ser tomados en conta tamén cando traballamos dende a casa. Medidas como contar cunha WIFI segura, antivirus e un sistema operativo actualizado, utilizar ferramentas de conexión ao entorno corporativo proporcionadas pola empresa, non deixar sesións abertas ou facer unha copia de seguridade da información son algunhas das principais recomendacións.
Planificación e coidado persoal
Desenvolver o traballo no ámbito doméstico fai necesaria unha planificación do traballo que nos permita separar a actividade persoal da profesional. Os principais consellos para conseguilo son manter os nosos hábitos de hixiene e coidado persoal, planificar o día en función das tarefas a realizar, as nosas horas de maior produtividade e a necesidade de facer descansos e practicar a desconexión dixital ao finalizar a xornada laboral.
Boa alimentación e exercicio físico
A saúde física e mental son fundamentais, pero se cambiamos a nosa forma de traballar podemos poñela en risco. Para evitalo, é moi importante coidar a alimentación, con menús planificados e ricos en verduras e proteínas, practicar exercicio físico diariamente dentro ou fóra da casa e seguir pautas que nos permitan conservar a nosa saúde mental, como manternos activos, planificar os nosos tempos profesionais e de ocio, facer exercicios de relaxación e respiración ou evitar o illamento social e a sobreinformación.