Cluny e Divina Pastora, premios `Imaxina a túa Empresa´ 2022

20.06.2022. Un grupo de 3 alumnos e alumnas de 4º de ESO de Santiago de Compostela do centro educativo San José Cluny e outro de 5 estudantes de Ourense do colexio Divina Pastora de 1º de bacharelato, baixo a dirección dos seus docentes, resultaron gañadores do II certame Imaxina a túa empresa. Os estudantes composteláns idearon unha empresa ecosostible que xera enerxía mediante máquinas deportivas nas vivendas e as rapazas ourensás unha empresa baseada na creación de espazos seguros para a mocidade e a elaboración dun podcast sobre saúde mental.

Os finalistas do concurso son escolares do colexio San José Cluny, CPR Manuel Peleteiro e Divina Pastora.

O presidente da Asociación Galega da Empresa Familiar, Víctor Nogueira, e mailo director xerente de Afundación, Pedro Otero, entregaron hoxe os premios en Santiago de Compostela na sede de Afundación. O xurado dos premios, integrado por dous representantes da asociación e dous de Afundación, salientou o compromiso coa sociedade e o medio ambiente dos 11 proxectos empresariais creados polos alumnos. En total, 50 escolares galegos traballaron en modelos de negocio para crear unha empresa.

O proxecto para fomentar o emprendemento entre o alumnado forma parte do programa Empresa Familiar nas aulas no que levan participado un total de 988 estudantes entre as edicións 2021 e 2022. O programa inclúe a participación dos principais empresarios galegos en charlas en directo aos escolares e visitas educativas ás principais empresas familiares galegas.


Empresarios nas aulas

Na edición 2021, un total de 551 estudantes de ESO, bacharelato e FP de 15 centros educativos de toda Galicia participaron na Empresa Familiar nas aulas acompañados de 15 empresarios de primeiro nivel: Carlota López (Aresa), Tino Fernández (Altia), Yago González Babé (Babé y Cía), Eloy Martínez Pérez e Fara Pérez Bellido (Pérez Rumbao), Victor Nogueira (Nogar), Elena Pérez Canal (Aceites Abril), Raquel Cortizo e Alberto Freire (Aluminios Cortizo), Enrique Costas (Terras Gauda), Roberto Tojeiro (Gadisa-Grupo Tojeiro), Julio Iglesias García (Revi), Jesús Manuel Alonso Escurís (Jealsa), Julio Simarro (Congalsa), José Castro Romero e Eva Mª Castro (Grupo Servicio Móvil), Ramón Alonso (Cafés Candelas) e Emilio Lostalé (Iglesias Panadería-Pastelería).

As empresas familiares representan o 92,4% do tecido empresarial de Galicia e dan emprego directo a 371.000 personas. Reforzar o coñecemento académico relacionado coa empresa, espertar a vocación profesional e abrir horizontes laboráis é algo fundamental para o futuro do tecido empresarial galego.