Colexio San José de Cluny e Politécnico de Santiago gañan o concurso “Emprender é soñar, apúntaste?” de AGEF e Afundación

6 de maio de 2026.– Dous proxectos tecnolóxicos de impacto social do CIFP Politécnico de Santiago e do Colexio San José de Cluny, ambos de Santiago de Compostela, resultaron gañadores do concurso “Emprender é soñar, apúntaste?, que convocan a Asociación Galega da Empresa Familiar (AGEF) e Afundación, a Obra Social de ABANCA.

O Colexio San José de Cluny gañou na categoría de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e FP de Grao Básico co proxecto de plataforma de seguridade dixital “SafeSphere”, deseñada por un grupo de catro alumnos de 4º de ESO. A solución combina tecnoloxías avanzadas de ciberseguridade, verificación de información e IA, co obxectivo de protexer a usuarios, familias e organizacións contra ameazas informáticas, a desinformación e comportamentos daniños en liña.

O premio de Bacharelato e Formación Profesional de Grao Medio e Superior recaeu no proxecto “MECADRON”, desenvolvido por cinco estudantes de 1º do Ciclo Formativo de Grao Superior de Mecatrónica Industrial do Politécnico de Santiago de Compostela. Trátase dunha solución de loxística intelixente para a repartición de paquetería con drons autónomos, guiados por Intelixencia artificial, con garantía de entrega ultrarrápida, en menos de 30 minutos.

Xunto aos dous gañadores, resultaron finalistas na categoría de ESO e FP de Grao Básico os proxectos “Zampa”, do Colexio San José de Cluny, de Santiago de Compostela; “EmployMe” do Colexio Losada, de Vigo; e “SpeakEasy”, do IES Xoán Montes, de Lugo. Os proxectos finalistas da categoría de Bacharelato e FP de Grao Medio e Superior foron “Carmiña”, do IES A Sangriña, da Guarda (Pontevedra), e “REFU”, do IES Alexandre Bóveda, de Vigo.

 

Máis de 1.000 alumnos e 21 empresas familiares

Nesta edición presentáronse ao concurso 53 proxectos tecnolóxicos de impacto social, 20 máis que en 2025, desenvolvidos por un total de 283 alumnos de trece centros educativos galegos.

O certame pon fin á sexta edición do programa “Empresa familiar nas aulas”, no que participaron máis de 1.000 alumnos de toda Galicia e 21 empresas socias de AGEF, e que naceu co obxectivo de reforzar as vocacións e o espírito emprendedor entre os máis novos e achegar o mundo da empresa ás aulas.

O programa incluíu charlas de sensibilización de directivos de empresas familiares en centros educativos, visitas dos estudantes ás compañías participantes e un taller práctico de emprendemento sobre tecnoloxía con impacto na sociedade, no que participaron 470 alumnos dunha quincena de institutos. Os estudantes traballaron en equipos de entre catro e seis persoas, co propósito de deseñar e presentar aos seus compañeiros un proxecto de negocio innovador, utilizando a metodoloxía design thinking e as súas cinco fases: empatizar, idear, seleccionar ideas, prototipar e presentar. Os grupos tiveron ademais a oportunidade de mellorar os proxectos, traballados nos talleres, para concursar no certame “Emprender é soñar, apúntaste?”, cuxos premios e diplomas entregáronse hoxe en Santiago.

O xurado, integrado por José Bernardo Silveira Martín, presidente de AGEF; Pedro Otero, director xerente de Afundación; Luis Otero, director da Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Santiago de Compostela; Rosa Rodríguez Gutiérrez, administradora de Espiña & Delfín; Margarita Hermo, directora de AGEF, e Carlota Sánchez-Montaña, coordinadora adxunta de Educación Superior de Afundación, valorou as ideas, produto final, o traballo en equipo e as habilidades de comunicación dos participantes.

O presidente de AGEF, José Bernardo Silveira, felicitou aos estudantes pola súa motivación e pola gran calidade de todos os proxectos presentados. «O meu máis sinceros parabéns, porque captastes á perfección os obxectivos e o propósito deste concurso, aplicando ás vosas propias ideas de futuro os coñecementos teóricos e prácticos aprendidos nos talleres de emprendemento, para crear solucións tecnolóxicas con verdadeiro impacto na sociedade».

Pola súa banda, Pedro Otero, director xerente de Afundación, destacou a importancia da colaboración con AGEF para o desenvolvemento dun programa de primeiro nivel. «Resúltanos moi gratificante comprobar, cada ano, o bo resultado dun proxecto que ten como obxectivo recoñecer o papel da empresa familiar na economía e a sociedade, e os valores que conleva. Con cada edición, quen participas nesta actividade demostrádesnos o moitísimo que temos que aprender das novas xeracións que, con tanta vitalidade, mostrádesnos novas inquietudes, novos intereses e, sobre todo, novas perspectivas».