Competitividade fiscal e menos burocracia para localizar empresas

19 de novembro de 2021. O presidente da Asociación Galega da Empresa Familiar, Víctor Nogueira, analizou onte os catro retos para que as empresas familiares galegas gañen competitividade e peso industrial: menos carga fiscal, máis tamaño empresarial, eliminar trabas burocráticas para crear e instalar empresas e incentivar as inversións na comunidade.

“Precisamos unha maior competitividade fiscal en Galicia para reter ás empresas e patrimonios, evitar deslocalizacións e atraer investimento”, Sinaloa Nogueira na clausura da asemblea de socios da Asociación de Empresarios de San Cibrao (Ourense), na que foi introducido polo seu presidente, José Antonio Rodríguez Araujo.

Galicia é a décima comunidade autónoma en competitividade fiscal en concepto de imposto de sucesións e doazóns, e ocupa o decimocuarto lugar entre as rexións europeas con maior carga impositiva no imposto de patrimonio. Así o recolle un recente estudo da Asociación Galega da Empresa Familiar. “España é o único país que mantén un imposto sobre o patrimonio, a excepción de Países Baixos, que non ten carga por ganancias patrimoniais, e Noruega e Suiza, onde substitúe a outros impostos. Países onde o imposto sobre o patrimonio foi historicamente importante, como Francia ou Suecia, eliminárono”, destacou o presidente da entidade.

Nogueira puxo en valor o papel das empresas familiares, o 92,4% do tecido empresarial de Galicia, como mantedoras do emprego: dende febreiro de 2020, os postos de traballo na comunidade medraron o dobre que no conxunto de España, que conta con catro puntos menos de compañías de propiedade familiar.

O estudo elaborado pola Asociación Galega da Empresa Familiar revela que Galicia ten por diante nove autonomías máis competitivas nos tipos do imposto de sucesións e doazóns, a carga fiscal que máis inflúe nas decisións para localizar empresas.