21 Xan Convenio con Abanca e Afundación para impulsar o emprendemento nas aulas
21 de xaneiro de 2020. A Asociación Galega da Empresa Familiar (AGEF) vén de asinar un novo convenio coas entidades Abanca e Afundación, que colaborarán mediante actividades asociativas e formativas na divulgación da importancia do tecido empresarial familiar, a importancia do seu papel social e económico; e para fomentar o emprendemento cun programa educativo en centros de ensino de primaria e secundaria.
Os dous acordos foron subscritos por Francisco Botas, conselleiro delegado de Abanca, Víctor Nogueira, presidente da AGEF, e Miguel Ángel Escotet, presidente de Afundación. Dirixidos a apoiar as actividades da AGEF e o seu correcto desenvolvemento, estarán vixentes durante os vindeiros doce meses. O fortalecemento do tecido empresarial galego é unha prioridade para a actividade financeira do banco, consciente do seu papel clave na economía da comunidade autónoma onde se atopa a súa sede.
O convenio con Afundación porá en marcha o programa educativo Empresa familiar nas aulas, unha iniciativa dirixida a estudantes e profesores galegos de 6º curso de Educación Primaria e 4º de Educación Secundaria Obrigatoria, que dará a coñecer a relevancia económica e social da empresa familiar e promoverá as vocacións emprendedoras.
A sinatura, que tivo lugar na sede corporativa de Abanca na Coruña, contou tamén coa presenza do presidente da entidade, Juan Carlos Escotet Rodríguez.