11 Mar Cortizo achega a empresa familiar e a circularidade do aluminio a estudantes do Politécnico de Santiago
11 de marzo de 2026.– Enmarcada no programa “Empresa familiar nas aulas”, que impulsamos con Afundación, a Obra Social de ABANCA, un grupo de 60 estudantes do Centro Integrado de Formación Profesional Politécnico de Santiago de Compostela realizaron esta semana unha visita guiada polas instalacións da multinacional padronesa Cortizo.
O alumnado tivo a oportunidade de coñecer de preto o funcionamento real dunha empresa familiar da súa contorna, actualmente considerada como un referente mundial no deseño e fabricación de solucións de aluminio e PVC para os sectores industriais e a arquitectura.
A visita compleméntase coa charla de sensibilización sobre emprendemento e empresa familiar que o director de comunicación de Cortizo, Alberto Freire, impartiu días antes no centro educativo de Santiago de Compostela a 124 estudantes. Durante a súa intervención, Alberto Freire explicou aos estudantes a actividade e traxectoria deste grupo familiar internacional, que na actualidade conta con 9 instalacións produtivas e unha trintena de centros loxísticos. Cortizo distínguese por completar o ciclo de produción: fundición, extrusión, lacado, anodizado, mecanizado, embalaxe, almacenamento e distribución e pola súa estratexia de circularidade e redución de pegada de carbono vinculada á súa actividade.



