09 Feb Cortizo amosa a importancia da reciclaxe do aluminio
9 de febreiro 2024. Un grupo de 50 alumnas e alumnos do colexio San Xosé de Cluny de Santiago de Compostela participaron hoxe nunha visita ás instalacións industriais de Cortizo en Padrón, no programa Empresa familiar nas aulas. O proxecto está organizado pola Asociación Galega da Empresa Familiar (Agef) e Afundación Obra Social ABANCA e ten por obxectivo fomentar a formación e o emprendemento entre os mozos galegos.
“O aluminio é o metal do futuro e cada vez reciclamos máis, porque a reciclaxe permite aforrar un 90% de gasto enerxético con respecto a producilo a partir da alúmina”, explicou Alberto Freire, director de Comunicación de Cortizo, respondendo ás preguntas dos estudantes.
Cortizo é o maior grupo industrial de capital galego dedicado á produción de produtos de aluminio. As súas pezas son vendidas en 89 países do mundo para empresas de aeronáutica, deporte, construción ou plataformas mariñas. A empresa familiar galega dispón do seu maior complexo industrial en Padrón (con máis de 1.000 empregados) e plantas de produción en Ciudad Real, Francia, Polonia, Eslovenia e República Checa. A compañía factura case 900 millóns de euros e emprega a 3.340 profesionais en todo o mundo.
Empresa familiar nas aulas achega os principais empresarios galegos aos colexios e institutos de toda Galicia, coa participación de máis de 2.500 estudantes e 30 empresarios galegos de primeiro nivel. As mozas e mozos galegos xa teñen elaborado e presentado 18 proxectos empresariais co obxectivo de emprender novos negocios.
Afundación Obra Social ABANCA e Agef impulsan o programa Empresa familiar nas aulas que procura fomentar o emprendemento nos centros educativos a través da charla dun empresario no colexio participante e a visita do alumnado a unha grande empresa da súa contorna. Durante o presente curso organízanse clases de 18 empresarios en 18 centros educativos de toda Galicia, as visitas escolares ás empresas e un programa titorizado para que os estudantes presenten proxectos empresariais elaborados por eles.
Imaxe:Estudantes do colexio Cluny visitaron as plantas de Cortizo en Padrón. Foto: Punto GA | M.Riopa