13 Abr De empresas familiares a familias empresarias
13 de abril de 2021. A sucesión é un dos maiores retos que as empresas familiares deben afrontar para asegurar a súa continuidade, un proceso que debe planificarse con antelación e que conleva un cambio de mentalidade nos integrantes da familia. “Somos empresas familiares e temos que transformarnos en familias empresarias, que non é o mesmo”, sinalou Marian Mouriño, conselleira delegada de Grupo Corporativo GES, con sede en Vigo, e membro da segunda xeración, durante a súa participación no novo ciclo dos Martes de Consellos que organiza o Clube de Conselleiras da Asociación Galega da Empresa Familiar, centrado na sucesión empresarial.
Marian explicou como o grupo inversor presidido polo seu pai, Carlos Mouriño Atanes, iniciou hai 16 anos a elaboración do seu primeiro protocolo familiar, que para ela é “a base de todo o ben que lle foi á empresa ao longo dos anos, marcando as normas do que é a empresa e o que é a familia”, e que resultou tamén clave tras a dura perda do seu irmán en 2008. O grupo creou a súa propia family office, moi focalizada en estreitar vínculos entre os descendentes que conformarán a terceira xeración da compañía. “Xeraron esa unión e esa confianza para poder sentar a unha mesa e sacar unha empresa adiante. E iso fomentouse nun protocolo cando tiñan 2 ou 3 anos”, explicou.
Tona Martínez, membro do consello de administración de Finsa, onde forma parte da terceira xeración, destacou o traballo conxunto dos membros da segunda xeración, “os que tiñan o control e o goberno da compañía”, e os da terceira, “que xa levaban anos traballando en Finsa”, en promover a elaboración dun protocolo familiar. “Queriamos reforzar o compromiso da familia coa empresa e unha serie de valores, definir o tipo de empresa familiar que queriamos ser e como facer a transición, facendo fincapé en que os accionistas tamén puidesen asumir funcións no consello de administración”, explicou.
Xunto con catro dos seus curmáns, Tona pasou a integrar o consello asesor de terceira xeración que traballaba para o consello de administración, co obxectivo de preparar aos membros dese escalón familiar para asumir unha nova etapa. “Podiamos participar nas reunións con voz e sen voto, e conseguiuse unha forma de traballo con dedicación, propostas e cuestións sobre as que o consello tiña que decidir”, sinalou Tona Martínez.
O protocolo asinouse en 2002 e, entre 2008 e 2009, faleceron os seus tíos, que estaban á fronte da empresa. “Foron momentos moi duros, pero non tivemos que atoparnos de golpe coa transición xeracional. Tiñamos un grupo cohesionado e unido preparado para traballar e saímos reforzados como familia e como empresa”, sinalou a empresaria, quen salientou o apoio recibido por parte de toda a familia e a relación constante como aspectos máis relevantes. Logran reunirse todos, unha vez ao ano. “O noso deber é manter implicados aos que non están no día a día, informados, motivados e participando de todo, porque sen o seu apoio non sería viable”, concluíu.
A primeira sesión do ciclo sobre sucesión do Clube de Conselleiras tamén contou coa intervención da codirectora da cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo, Elena Rivo, quen fixo unha introdución teórica sobre a evolución da sucesión dende os anos noventa ata a actualidade. O coloquio estivo moderado por Dolores Martínez, presidenta de Galuresa, e a directora da Asociación Galega da Empresa Familiar, Margarita Hermo.