Domingo: “As fundacións deben ser eficaces e xerar valor social”

11 de xullo de 2022. Julio Domingo Souto, director xeral de Fundación MAPFRE, considera que as fundacións nadas de empresas familiares “xeran valor, legado e son moi útiles, pero deben ser eficaces; se non, é preferible colaborar con outras fundacións ou ONG xa existentes”. Domingo protagonizou en Santiago de Compostela un encontro co Club de Conselleiras da Asociación Galega da Empresa Familiar (Agef).

Debería unha empresa familiar constituír unha fundación para canalizar a súa acción social?, era a pregunta clave a debater no coloquio organizado por Agef e titulado Como construír o legado da familia empresaria: o papel das fundacións.

O director xeral de Fundación MAPFRE afrontou con claridade o dilema de moitas empresas de se é conveniente ou non crear unha fundación. “As fundacións de empresas familiares achegan un gran legado”, afirmou Domingo. “Pero non sempre é necesario crear unha fundación, ten que primar a eficacia e a eficiencia, e ás veces é preferible colaborar con fundacións ou ONG que xa están a funcionar ben para canalizar esa solidariedade”, sinalou o directivo.

Julio Domingo Souto resaltou que España non conta con suficientes incentivos á filantropía e mecenado que animen ás empresas para colaborar con fundacións, como si sucede noutros países. Durante o coloquio abordáronse as diferenzas entre a responsabilidade social das empresas e as fundacións. Domingo explicou que todas as empresas teñen unha responsabilidade social para os seus grupos de interese: empregados, clientes, provedores e sociedade en xeral. “A empresa ten que achegar riqueza social e ética, non só económica”, argumentou o director xeral de Fundación MAPFRE. “Constituír unha fundación é un acto de xenerosidade coa sociedade, pero non exime á empresa do seu compromiso coa RSC”.

O invitado do Club de Conselleiras expuxo que as fundacións son organizacións totalmente voluntarias sen ánimo de lucro que, por iniciativa dos seus creadores, teñen afectado de modo duradeiro o seu patrimonio á realización de fins de interese xeral.

Fundacións comunitarias

Como exemplo de como unha empresa familiar podería reverter no territorio, o relator introduciu as chamadas fundacións comunitarias, aínda con pouca tradición en España. O seu fin é fortalecer e articular a comunidade na que traballan -localidades, comarcas, pequenas cidades ou barrios- canalizando recursos e competencias para a resolución de necesidades e iniciativas de interese común á devandita comunidade. Explicou que sería unha maneira de canalizar as achegas dunha pequena ou mediana empresa, xa que realizan un traballo moi efectivo e pegado ao terreo.

Segundo Domingo, que tamén é membro da Xunta Directiva da Asociación Española de Fundacións, non se difunde suficientemente o labor e as actividades que realizan as fundacións. Por iso dise que “se entendería mellor o seu impacto na sociedade se parasen durante un ano a súa actividade, porque entón veríase máis claramente a súa achega real”. O director xeral de Fundación MAPFRE concluíu a súa intervención cun convencemento froito da súa experiencia: “A solidariedade ten recompensa, aínda que non se vexa inmediatamente na conta de resultados, xera unha entidade mellor e máis humana”.