Emilio Pérez Nieto: “Hai que ser consecuentes co noso pasado para seguir construíndo o futuro”

16 de xaneiro de 2020. Emilio Pérez Nieto, presidente de honra e impulsor da derradeira etapa de expansión do grupo Pérez Rumbao, subliñou hoxe que “hai que ser consecuentes co noso pasado para seguir construíndo o futuro”, ao recibir o XIV Premio Familia Empresaria que outorga a Asociación Galega da Empresa Familiar. A familia ourensana Pérez Nieto é propietaria da compañía de referencia na automoción galega Pérez Rumbao, que o vindeiro ano cumpre 100 anos de historia.

“Somos unha empresa familiar de cuarta xeración e nos nosos fillos e netos, que xa están no presente, está depositada a esperanza do futuro”, sinalou Pérez Nieto.

O presidente de honra do grupo Pérez Rumbao recolleu o galardón nun acto celebrado na Cidade da Cultura, Santiago de Compostela, e entregado polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.  Con este premio, a Asociación Galega da Empresa Familiar tamén recoñece o impulso realizado por Pérez Nieto, cofundador e presidente da entidade durante seis anos.

O grupo Pérez Rumbao é a maior empresa de distribución de automóbiles en Galicia con 1.300 traballadores e 20 sociedades de produción e distribución das máis importantes marcas de automóbiles e camións. O grupo inclúe tamén varias estacións de servizo e factorías de produción de carrozarías para autobuses (Unvi). O grupo Pérez Rumbao facturou 400 millóns de euros en 2019.

Fundado en 1920 como empresa dedicada á venda de camións de ocasión e maquinaria agrícola, consolídase na década de 1990, duplicando a venda de turismos, vehículos industriais e usados. A súa expansión foi notable a partir do ano 2000, coa compra e desenvolvemento de varias empresas en Galicia — Hyupersa, Arrojo, Balpersa, Inturasa ou Ibertruck— e Portugal, onde adquiriu o fabricante de carrozarías para buses Camo. Desde os seus inicios, acumula catro xeracións á fronte, converténdose no paradigma de empresa familiar exemplar.

O presidente da Asociación Galega da Empresa Familiar, Víctor Nogueira, destacou que “o reto fundamental de Pérez Rumbao é o compromiso con todas e cada unha das persoas que forman parte do seu grupo empresarial porque medrar significa investir, cumprir con proveedores e clientes. Isto non é cousa menor, e por iso non é casualidade que as empresas familiares sexan o motor da economía e o emprego en Galicia”.

O acto de entrega do premio celebrouse esta tarde na Cidade da Cultura coa asistencia de 120 empresarios e directivos de empresas familiares galegas. O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, indicou que “o grupo Pérez Rumbao non só foi capaz de medrar, senón tamén de manterse; e se manter unha compañía 100 anos xa merece por sí só un recoñecemento, eles ademáis manteñen unida unha familia que a saca adiante”.

A Asociación Galega da Empresa Familiar institucionalizou en 2005 un premio anual para distinguir a traxectoria empresarial e o mantemento das raíces das empresas galegas de propiedade familiar.