14 Mar “En Grupo Lence cremos que o éxito se constrúe con coraxe, perseveranza, iniciativa e colaboración”
14 de marzo de 2025.– Carmen Lence, presidenta da compañía láctea lucense Grupo Lence, compartiu o pasado 3 de febreiro unha charla con 140 estudantes do IES Rego de Trabe de Culleredo (A Coruña), para achegar ás aulas a realidade das empresas familiares e o seu impacto na contorna.
A charla, que se completou cunha visita posterior do alumnado ás instalacións da compañía láctea, enmárcase na quinta edición do programa “Empresa familiar nas Aulas”, que impulsamos en colaboración con Afundación.
Durante a súa intervención, Carmen Lence explicou aos estudantes o papel que xogan as empresas familiares na economía e a sociedade, “non só somos o motor de Galicia, onde representamos o 92,4% do tecido empresarial e o 86,3% do emprego privado, senón que somos clave en España e no mundo”, sinalou. O 89% das empresas españolas son familiares e achegan ao redor do 70% do PIB e o 60% do emprego.
Máis aló dos números, Carmen Lence detívose no concepto de longo prazo como trazo que define á empresa familiar e que lle achega maior resiliencia en tempos de crises. “O noso obxectivo non é só crecer, senón facelo de forma que podamos seguir xerando emprego e riqueza para moitas persoas durante moito tempo”, engadiu a empresaria.
Carmen Lence falou do espírito de superación e de como Grupo Lence cre que o éxito se constrúe “con coraxe para ser un mesmo; perseveranza para alcanzar metas; iniciativa para facer que as cousas pasen; colaboración, porque xuntos chegamos máis lonxe; e excelencia en todo o que facemos”.
Na actualidade, Lence é o único grupo galego entre os tres que máis leite recolle en Galicia –só traballa con gandeiros da rexión- e figura entre as oito primeiras lácteas que operan en España. En 2023 facturou 260 M€, conseguindo duplicar o seu negocio en apenas cinco anos.
Titular de marcas de valor engadido como son Río de Galicia e Leyma Natura, o grupo está comprometido coa economía galega, as comunidades locais e o emprego de calidade, fomentando o desenvolvemento rural desde a sustentabilidade, o respecto polo medioambiente e a igualdade de oportunidades, cun apoio especial á muller do ámbito rural.
Pé de foto: Instantánea da charla de Carmen Lence