Estudantes da Pobra aprenden con Congalsa de produtos do mar conxelados, de evolución tecnolóxica e empresa familiar

26 de xaneiro de 2026.– O pasado mércores, o conselleiro de delegado de Congalsa, Julio Simarro, impartiu unha charla a unha trintena de alumnos do IES da Pobra do Caramiñal, que cursan as materias de economía e economía da empresa en Bacharelato.

O relatorio, xunto á visita posterior do alumnado ás instalacións de Congalsa na súa localidade, forman parte da sexta edición do programa educativo “Empresa familiar nas aulas”, que impulsamos xunto a Afundación, a Obra Social de ABANCA, para achegar a realidade e importancia das empresas familiares galegas ás novas xeracións e motivar a futuros talentos no emprendemento.

O alumnado tivo a oportunidade de coñecer as orixes de Congalsa como elaboradora e comercializadora de produtos do mar conxelados e a súa evolución e crecemento ata a actualidade, froito de avances tecnolóxicos como o corte automático ou o envasado robotizado, ou da internacionalización.

Coa segunda xeración familiar á fronte, Congalsa continúa evolucionando no mercado de produtos do mar conxelados coa elaboración de alimentos saborosos, saudables e adaptados aos estilos de vida contemporáneos, sempre baixo criterios de responsabilidade ambiental e sustentabilidade.