Estudantes de Boiro achéganse a Jealsa para aprender de economía circular na industria conserveira de produtos do mar

27 de marzo de 2026.– Uns trinta estudantes do IES Praia Barraña de Boiro (A Coruña) realizaron o pasado 11 de marzo unha visita ás instalacións do grupo conserveiro Jealsa, na súa mesma localidade, acompañados por Jorge e Jesús Alonso, membros da terceira xeración do grupo familiar. Tras o percorrido, o alumnado desfrutou dunha cata de produtos da compañía, dirixida por Paula Soto, do departamento de I+D+i de Jealsa.

Esta visita, xunto a unha charla previa de Pablo Alonso López, membro da terceira xeración familiar, na que tamén participou a directora de relacións institucionais de Jealsa e directora de AGEF, Margarita Hermo, forman parte do programa educativo “Empresa familiar nas aulas”, que impulsamos con Afundación.

Con ambas as actividades, os estudantes tiveron a oportunidade de coñecer o funcionamento, os valores e a importancia da empresa familiar na sociedade e na economía galega, a través dunha compañía da súa contorna.

Pablo Alonso compartiu co alumnado a historia de Jealsa, desde a súa fundación nos anos 50 como fabricante e comercializadora de conservas de peixe e mariscos, ata converterse nunha corporación con tres divisións de negocio: Jealsa Foods -con marcas como “Rianxeira”, “Escurís”, “Mare Aperto” ou “Robinson Crusoe”-, Seanergy 360 -Valorización, na que se agrupan as fabricantes de alimentos para mascotas e produtos de cosmética e farmacia Pet Select, Valora e Conresa -, e Beltaine –enerxías renovables-.

Jealsa opera baixo un modelo de economía circular, baseado na innovación constante e na diversificación sostible, cunha facturación que supera a barreira dos 800 M€, sumando plantas en Galicia, Guatemala, Chile e Brasil, e delegacións comerciais en Italia, Portugal e Sudamérica.