18 Feb Estudantes do IES Eduardo Blanco Amor de Culleredo visitan a oficina de Altia na Cidade das TIC
18 de febreiro de 2025.-Un grupo de 24 estudantes de 4º de ESO do IES Eduardo Blanco Amor de Culleredo (A Coruña) visitaron esta mañá a oficina da compañía tecnolóxica Altia na Cidade das TIC, da Coruña, no marco da quinta edición do programa educativo “Empresa Familiar nas Aulas”, que promoven a Asociación Galega da Empresa Familiar (AGEF) e Afundación, a Obra Social de ABANCA.
Manuel Saz, director da oficina de Altia na Cidade das TIC, foi o encargado de guiar aos estudantes no seu percorrido polas instalacións. O alumnado tivo a oportunidade de coñecer ao equipo de profesionais e asistiu a unha presentación sobre os principais proxectos de dixitalización de Altia e sobre a participación da compañía tecnolóxica na Cidade das TIC.
“Este proxecto está deseñado para potenciar o sector TIC e o seu tecido empresarial, reforzando a nosa posición no mapa tecnolóxico e xerando oportunidades de colaboración e innovación”, sinalou Manuel Saz. “A Cidade das TIC ofrece unha infraestrutura moderna e recursos que facilitan a colaboración entre empresas e entidades educativas, o que é fundamental para fomentar a innovación e o desenvolvemento de novas solucións tecnolóxicas. A nosa presenza neste hub tecnolóxico permítenos estar á vangarda das tendencias do sector e contribuír activamente ao crecemento económico e tecnolóxico da rexión.”
Co propósito de crecer facendo crecer
A visita de hoxe compleméntase coa conferencia impartida o pasado 4 de febreiro por Jaime Saavedra, director da sede de Altia en Oleiros, nas instalacións do centro educativo de Culleredo.
Durante a charla, Saavedra explicou aos estudantes a historia e actividade de Altia, como compañía creadora de solucións dixitais, e o seu propósito de crecer facendo crecer aos seus clientes de forma sostible, grazas ao talento de 4.000 profesionais en máis de 25 localizacións de 9 países.
Cun enfoque end-to-end, Altia desenvolve solucións a medida, integra produtos dos principais fabricantes do sector e realiza proxectos tecnolóxicos para máis de 1.000 organizacións. A compañía rexistrou en 2023 un crecemento récord do 44% na súa cifra de negocio, ata 241 M€, por un forte impulso en todos os mercados, a consolidación de adquisicións e o desenvolvemento de áreas estratéxicas como a ciberseguridade, analítica de datos ou os servizos na nube. Altia cotiza no BME Growth desde 2010.
Jaime Saavedra destacou na súa exposición, ademais, o valor que achegan as empresas familiares da contorna no tecido económico e a relevancia do sector TIC e da formación. “É importante que as novas xeracións coñezan o papel vertebrador das empresas familiares, con vocación de crecemento e continuidade como Altia, na que un dos seus fundadores, Constantino Fernández, segue sendo hoxe o seu presidente, 30 anos despois”, subliñou o directivo. “A compañía continúa crecendo cos mesmos valores e propósito, impulsando o cambio dixital dos seus clientes”.
Pé de foto: Manuel Saz, durante a visita á oficina de Altia na Cidade das TIC