Estudantes do IES Vilalonga aprenden sobre loxística, internacionalización e empresa familiar con Grupo Nogar

20 de xaneiro de 2026.– Un grupo de 58 estudantes de ciclo medio de Xestión Administrativa e ciclo superior de Administración e Finanzas e seis profesores do IES de Vilalonga en Sanxenxo (Pontevedra) asistiron onte a unha charla do director comercial do Grupo Nogar, Víctor Nogueira Barrón, membro da terceira xeración do grupo familiar.

Durante a conferencia, Víctor Nogueira explicou ao alumnado o funcionamento dunha empresa familiar, destacando a súa relevancia na economía e a sociedade de Galicia. Os estudantes tiveron a oportunidade de coñecer a historia e evolución do Grupo Nogar, desde a súa fundación en Marín por Ceferino Nogueira hai máis de 60 anos.

Na actualidade, a actividade de Grupo Nogar abarca desde a loxística portuaria ata a industria alimentaria, con presenza consolidada en Portugal, Brasil e Perú. A súa oferta de servizos —consignación, estiba e fletamento de buques, almacenamento, transporte, produción para alimentación animal, ademais de proxectos inmobiliarios e de enerxías renovables— responde a un modelo de crecemento que combina diversificación e visión global.

A iniciativa, enmarcada na sexta edición do programa educativo “Empresa familiar nas aulas” que impulsa AGEF, en colaboración con Afundación, a Obra Social de ABANCA, complétase cunha visita posterior do alumnado ás instalacións do Grupo Nogar en Marín e cun taller de economía circular.

En 2026 participarán no programa e no concurso “Emprender é soñar, apúntasche? preto de mil alumnos de ESO, Bacharelato e Formación Profesional de 23 institutos, xunto a directivos de 23 destacadas empresas familiares galegas.