Galicia, líder en mulleres emprendedoras

Galicia, líder en mulleres emprendedoras

28 de outubro de 2021. As mulleres emprendedoras de Galicia superan á media española, e a comunidade é a segunda con maior índice de emprendemento TEA. Así o afirmou a directora da Asociación Galega da Empresa Familiar, Margarita Hermo, durante a súa participación no Congreso Empresarias Galicia. “Galicia é líder en mulleres emprendedoras e, nos últimos anos, esta tendencia incrementouse máis rápido que no conxunto de España, con notable protagonismo nas empresas familiares”, sinalou Hermo.

Hermo expuxo varios casos de empresarias emprendedoras en diversos sectores de Galicia, dende a alimentación e a aposta polo rural ata proxectos que pivotan na innovación e as TIC. “Cada vez é máis habitual abrir o xornal e atopar exemplos de galegas emprendedoras cuxos proxectos non só funcionan, senón que son pioneiros no seu sector”, explicou Margarita Hermo aos asistentes ao congreso.

Sobre o papel que as empresarias representan nas empresas familiares galegas, Margarita Hermo puxo o foco no recente auxe de mulleres nos postos directivos, de xestión e de administración das compañías, con exemplos como a conselleira delegada de Leche Río, Carmen Lence, a directora xeral de Aluminios Cortizo, Raquel Cortizo, ou Carlota López Pardo, adxunta á dirección de Aresa. A directora destacou tamén o papel do Clube de Conselleiras da Asociación Galega da Empresa Familiar para fomentar a visibilización do liderado feminino.

“O 22% de primeiras directivas nas empresas familiares de Galicia e o 25% de primeiras executivas en consellos de administración son mulleres, o dobre que nas empresas do Ibex. Por si soa non é unha porcentaxe moi alta, pero supón un avance respecto aos últimos anos que debemos valorar e preservar. A igualdade nas empresas avanza e debemos seguir loitando por ela para non dar pasos atrás”, salientou Hermo, avanzando algúns datos do informe que a Asociación Galega da Empresa Familiar está preparando en colaboración con The Family Advisory Board (TFAB).

A presenza de mulleres nos consellos de familia das empresas familiares foi outro dos puntos que destacou a directora da Asociación Galega da Empresa Familiar. “As mulleres teñen un papel visible e relevante nos órganos de xestión de empresa e familia. Representan máis do 25% destes consellos e, en 1 de cada 4 empresas familiares, o consello está presidido por unha muller. A sociedade avanza, e as empresas familiares temos un compromiso con ela”, concluíu Margarita Hermo.