Galicia participa na cuarta edición de `Conectando Forums ́ en Valencia

09.11.2023. Máis dun cento de mozos membros de empresas familiares de toda España celebraron en Valencia un gran encontro para abordar os procesos de internacionalización e crecemento, na cuarta edición de Conectando Forums. O programa contou coa participación da Asociación Galega da Empresa Familiar e do Fórum Xoves de Galicia e incluíu diferentes talleres, actividades e visitas á empresa Porcelanosa ou ao estadio da Cerámica.

O encontro foi organizado pola Asociación Valenciana de Empresarios (AVE), xunto cos forums das distintas asociacións territoriais. Os asistentes intercambiaron experiencias nas solucións atopadas polas súas empresas, ademais de asistir a charlas protagonizadas por directivos con historias inspiradoras.

A xuntanza iniciouse cunha visita á sede central da compañía Porcelanosa, cun percorrido para coñecer o seu proceso de produción e distribución. A visita foi guiada pola directora financeira da empresa, Ana Colonques, que resumiu a traxectoria e a estratexia de internacionalización da firma cerámica. Os directivos novos tamén mantiveron unha charla-coloquio co presidente de Porcelanosa, Héctor Colnques, sobre os valores da súa compañía e das empresas familiares en xeral. “A humildade e o traballo” son os principios fundamentais descritos polo presidente de Porcelanosa para explicar a brillante evolución da firma.

A delegación de Conectando Forums puido comprobar in situ os froitos do mecenado deportivo cunha visita e diferentes actividades no estadio da Cerámica, sede do Vilarreal Club de Fútbol e propiedade da familia Roig Negueroles. Para completar o coñecemento das estratexias de patrocinio e responsabilidade social empresarial (RSE) desta familia empresaria os asistentes visitaron as instalacións de Pamesa Cerámica.

Conectando Forums configúrase como un espazo de formación onde os mozos pertencentes ás familias empresarias conviven durante dous días e comparten experiencias e valores ao redor das empresas familiares.

 

Na imaxe, os mozos membros das empresas familiares durante a súa visita a Porcelanosa.