25 Out Galicia participa no XXVI Congreso da Empresa Familiar en Bilbao
25.10.2023. A Asociación Galega da Empresa Familiar (Agef) participou desde este domingo en Bilbao no XXIV Congreso da Empresa Familiar coa presenza dunha delegación empresarial galega, na que se inclúen a directora xeral de Agef, Margarita Hermo e o presidente do Fórum de Xoves de Agef, Antón Fonseca.
O conselleiro delegado do grupo Calvo, Mané Calvo, foi un dos protagonistas dos relatorios celebrados na sesión de tarde do luns. “É importante ter un soño e perseguilo, pero máis importante aínda é saber adaptarse ás circunstancias”, sinalou o responsable da conserveira galega.
O congreso estatal tamén destacou a iniciativa da compañía galega Congalsa na presentación do proxecto Compromiso coas persoas: 18 iniciativas de talento e inclusión. O apartado recompila iniciativas das empresas pertencentes ás 18 asociacións territoriais, entre as que foi seleccionada a Andaina Solidaria de Congalsa, pola súa capacidade de impulsar o tecido social, cultural e deportivo da zona da Barbanza.
A edición deste ano do congreso que organiza o Instituto da Empresa Familiar (IEF) contou coa colaboración de Aefame e co patrocinio de Santander e KPMG. O encontro das empresas familiares españolas celebrouse o 22, 23 e 24 de outubro e foi inaugurado polo Rei Felipe VI. Baixo o lema A Forza das persoas, o congreso contou coa presenza de destacados empresarios como Ana Botín, presidenta de Banco Santander, Sabina Fluxá, vicepresidenta e CEO do Grupo Iberostar ou Tomás Pascual, conselleiro delegado de Corporación Empresarial Pascual.
As empresas familiares constitúen a columna vertebral do tecido empresarial, representando o 70% do emprego e o 60% do PIB en España. A contribución das empresas familiares permite soster o tecido socioeconómico español a medio e longo prazo, grazas á vocación de permanencia e maior lonxevidade deste tipo de empresas. Algúns socios do IEF son empresas centenarias que contribuíron durante séculos á prosperidade do noso país.
Na imaxe, Mane Calvo conselleiro delegado do Grupo Calvo durante a súa intervención.