“Galicia ten algunhas das ‘family offices’ máis relevantes do mundo”

2 de marzo de 2021. O modelo de family office encóntrase en alza, e a comunidade galega non é unha excepción, a pesar de que o seu número de plataformas de investimento deste tipo aínda non é moi elevado. “Galicia ten algunhas das family office máis relevantes do mundo, aínda que teña poucas”, sinalou Fernando Vázquez, socio responsable de Empresa Familiar de Deloitte España, durante a súa participación no coloquio dixital Family Office, patrimonio familiar vs. patrimonio e proxecto empresarial, organizado pola consultora e a Asociación Galega da Empresa Familiar e presentado e conducido polo seu presidente, Víctor Nogueira, e directora, Margarita Hermo.

Vázquez presentou os resultados do estudo Family Office na Península Ibérica, que reflicten que Galicia é a segunda comunidade española, por detrás de Cataluña, con maior proporción de family offices: o 15%, fronte ao 42% da comunidade catalana. No tocante ás características xerais destas plataformas de investimento en España, están maioritariamente dirixidas por empresarios de segunda xeración e 6 de cada 10 contan cun protocolo familiar. No tocante aos investimentos, xestiónanse con 150 millóns de euros, cunha concentración de activos principalmente no sector inmobiliario, o real state, e moi especialmente en proxectos comerciais, como oficinas, loxística, hoteis e retail.

“O interés no ámbito científico sobre a family office vén de aumentar moito. Se observamos a evolución do uso do termo nas principais publicacións de negocios na última década, vemos unha clara tendencia crecente no tempo: de 1 cita en 2013 a 15 en 2020”,  explicou Berta Rivera, directora da cátedra de Empresa Familiar da Universidade da Coruña, quen salientou que as family offices teñen un papel “fundamental” no mantemento da misión e da identidade familiar, facilitando a transmisión xeracional e, polo tanto, a continuidade da compañía familiar, ademais de que son “unha forma de financiar actividades emprendedoras”.

O coloquio contou coa participación de Alejandro Ormazábal, vicepresidente da compañía vasca Velatia, de Grupo Ormazábal, que introduciu a family office en 2008 coa filosofía do seu fundador, Javier Ormazábal, moi presente. “O grupo ten xa 53 anos, e este é o terceiro negocio que o meu pai creou. Foi consciente de que, para que o proxecto fora pasando ás seguintes xeracións, había que deixarlle mochila e cantimplora e permitirse cometer erros. Agora revisamos que ocos ten a empresa e en que oco pode un contribuír mellor para aportar o máximo á compañía”, relatou.