Gonzalo Folgueira: “É moi importante transmitir aos estudantes o noso espírito emprendedor e o valor que teñen as empresas familiares como Grupo Servicio Móvil”

10 de febreiro de 2025.– Unha trintena de alumnos de Formación Profesional do IES Xulián Magariños, de Negreira (A Coruña), acudiron o pasado 23 de xaneiro á plataforma loxística de Grupo Servicio Móvil, no polígono industrial do seu mesma localidade, para asistir a unha conferencia maxistral e realizar unha visita guiada polas instalacións.

Á súa chegada á plataforma, foron recibidos por Gonzalo Folgueira e José Ramón Rendo, responsables de operacións externas e internas de Grupo Servicio Móvil, quen expuxo aos alumnos, nunha interesante presentación, as principais cifras e impacto da empresa familiar na economía, e a historia e evolución deste grupo familiar.

Fundado en 1975, por parte da familia empresaria Castro Romero, o Grupo Servicio Móvil deu os seus primeiros pasos no sector loxístico coa prestación de servizos de mudanzas e traslados de mobiliario nas Pontes de García Rodríguez (A Coruña).

Na década dos anos 90 -explicaron os directivos- o grupo detecta necesidades loxísticas no sector hospitalario e empeza a realizar os primeiros servizos de custodia, xestión de historias clínicas e loxística hospitalaria. A partir de entón, a compañía familiar diversifica a súa especialización en loxística cara a novos sectores de actividade, cunha forte aposta pola tecnoloxía, transformación dixital e innovación.

Xestionada pola segunda xeración familiar, Grupo Servicio Móvil conta na actualidade cunha vintena de sociedades e 180 centros de traballo, nos que emprega a máis de 2.000 persoas e desenvolve actividades de loxística sanitaria e grandes traslados; xestión documental e dixitalización; xestión de procesos e atención a usuarios. Todas son liñas de negocio onde a tecnoloxía e a innovación son piares fundamentais. Ademais, Grupo Servicio Móvil conta cunha empresa vinculada á fabricación de mobiliario e deseño de proxectos en madeira (Adera) e outra centrada no sector agroalimentario (Severiano Agrococomercial).

O alumnado tivo, ademais, a oportunidade de facer un percorrido pola plataforma de Negreira para coñecer de preto a actividade loxística destas instalacións, desde as que o grupo xestiona unha media de 1.200 pedidos diarios (600.000 ao ano), con destino a uns 820 centros sanitarios de toda Galicia.

“Esta visita foi moi interesante para nós e cremos que é moi importante transmitir aos estudantes o noso espírito emprendedor e o valor que teñen as empresas familiares. No noso caso somos unha empresa de orixe familiar que apostou desde as súas orixes pola innovación tecnolóxica e a mellora continua. De feito, é o espírito innovador o que nos converteu no grupo empresarial que somos hoxe en día”, subliñou Gonzalo Folgueira, ao termo da actividade.

A visita e a charla encádranse na quinta edición do programa educativo “Empresa Familiar nas Aulas”, de AGEF e Afundación, que persegue achegar a realidade empresarial e fomentar vocacións emprendedoras nas novas xeracións. Nesta edición participarán un total de 23 empresas familiares destacadas de Galicia e máis de 1.000 alumnos de FP, ESO e Bacharelato.