Grupo Aresa achega a empresa familiar e a súa actividade agrícola gandeira ao IES Xoan Montes de Lugo

5 de febreiro de 2026.– Unha cincuentena de alumnos de Economía de 1º de Bacharelato e de Economía e Emprendemento e Orientación Persoal e Profesional de 4º da ESO do IES Xoán Montes de Lugo asistiron a finais de xaneiro a unha charla de Carlota López Pardo, presidenta do Grupo Aresa, dentro do programa “Empresa familiar nas aulas”, que promovemos en colaboración con Afundación, a Obra Social de ABANCA.

A empresaria realizou unha exposición sobre a importancia da empresa familiar na economía e sociedade galega, destacando algún dos seus valores fundamentais como, por exemplo, o do compromiso. Durante o seu relatorio, Carlota López Pardo explicou aos estudantes a historia, misión, funcionamento e retos do Grupo Aresa, a súa estratexia de diversificación ou a importancia do capital humano, a innovación e a orientación ao cliente.

Con actividade na protección de cultivos (agro-químicos), pensos para gandería e mascotas, materias primas de alimentación animal e solucións de fertilización para profesionais do campo ou sementes, este grupo agrícola gandeiro lucense alcanzou en 2025 unha facturación global de 50 M€, con tres centros de produción e un persoal de 75 traballadores. Entre os fitos de Grupo Aresa figura tamén a organización, xunto á Universidade de Santiago de Compostela, do “Premio Aresa”, para recoñecer, con carácter anual, proxectos que contribúen ao desenvolvemento do rural galego, boa parte deles procedentes de empresas familiares.

Na rolda final de preguntas, os estudantes interesáronse, entre outras temáticas, polos postos de traballo e perfís de traballadores que actualmente demanda Grupo Aresa ou pola importancia dos hábitos de consumo na planificación da produción.