Grupo Pereira, un exemplo de verticalidade na industria de produtos do mar

27 de febreiro de 2026.– Estudantes do IES Armando Cotarelo Valedor, de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), realizaron unha visita ás instalacións de Conservas Portomar, de Grupo Pereira, situada na súa localidade. Á súa chegada foron recibidos por Ruy Andrade Pereira, responsable de Relacións Externas e Desenvolvemento de Negocio do Grupo Pereira, e membro da terceira xeración familiar, e por Sara e Tino do departamento de Produción e Calidade, respectivamente, quen se encargaron de guiar e mostrar ao alumnado a planta e a súa actividade centrada na elaboración de conservas de produtos do mar.

“Para o noso alumnado resultou unha actividade enriquecedora, xa que lle permite adquirir aprendizaxes significativas, nun contexto tan próximo para eles como é a conserva na Ría de Arousa. Serviu ademais para poñer en contacto ao centro educativo coa realidade económica e laboral da contorna”, destacou a profesora Evangelina Vidal Botana, do Departamento de Economía do centro educativo.

A visita, xunto a unha conferencia previa impartida por Ruy Andrade Pereira no instituto de Vilagarcía de Arousa, forman parte do programa educativo “Empresa familiar nas aulas”, que AGEF desenvolve con Afundación, a Obra Social de ABANCA.

Durante a súa exposición, Ruy Andrade explicou a un grupo de 40 estudantes de Economía de Bacharelato e Formación Profesional a historia, evolución e grandes fitos do Grupo Pereira, desde a súa constitución en 1955, por José Pereira Álvarez, ata converterse nun grupo alimentario de estrutura vertical, que cobre todas as áreas da cadea dos produtos do mar conxelados e en conserva (captura, elaboración, comercialización e distribución).

Actualmente, Grupo Pereira conta con máis de 20 embarcacións, que operan en distintos países como Senegal, Namibia, Sudáfrica ou as Illas Malvinas, e con cinco plantas de elaboración en terra, nos que traballa un persoal superior aos 1.150 traballadores. Especializado en produtos do mar conxelados —como lura patagónico, pescada do Cabo, rape ou polbo—, o grupo ampliou a súa oferta fai dez anos, coa incorporación da liña de conservas gourmet Portomar.

A pesar da súa proxección internacional, Grupo Pereira conserva intactos o seu legado familiar, a esencia e o arraigamento galego, ademais da súa forma de traballar, baseada na profesionalización, no respecto polo oficio do mar e no compromiso co medioambiente e a responsabilidade social.