26 Mar Grupo Revi mostra a estudantes do Carballiño a súa actividade na fabricación de condutores eléctricos
26 de marzo de 2026.– Un grupo de estudantes do IES Manuel Chamoso Lamas, do Carballiño (Ourense), desprazouse este mes de marzo ás instalacións de Grupo Revi, para realizar unha visita guiada e coñecer de primeira man a actividade desta empresa familiar da súa contorna na fabricación de condutores eléctricos. A visita, xunta a unha charla previa impartida por Julio Iglesias, conselleiro delegado de Grupo Revi, no instituto, forman parte do programa educativo “Empresa familiar nas aulas”, que promovemos en colaboración con Afundación, a Obra Social de ABANCA.
Durante a súa exposición, á que asistiron máis de 70 estudantes de ciclos de Formación Profesional e 1º de Bacharelato do centro, Julio Iglesias explicou a evolución de Grupo Revi e como preservou ao longo da historia os seus valores fundacionais (humildade, responsabilidade e ambición constante por mellorar).
Fundado en Ourense en 1950, o grupo conta na actualidade cun equipo de 500 persoas e sete plantas en Galicia, Andalucía, Cataluña e País Vasco, especializadas na fabricación de condutores eléctricos, cables e sistemas de canalización para electricidade, telecomunicacións e redes de auga. O grupo apóiase nunha rede loxística, que cobre todo o territorio nacional, e conta con presenza comercial en máis de 20 países.



