07 Feb GrupoNogar achega os valores da empresa familiar e o emprendemento ao Colexio Sagrado Corazón de Jesús de Pontevedra
7 de febreiro de 2025.– Preto de 50 estudantes de 4º de ESO do CPR Plurilingüe Sagrado Corazón de Jesús Praceres de Pontevedra asistiron o pasado 22 de xaneiro a unha charla maxistral do director comercial do GrupoNogar, Víctor Nogueira Barrón, na que puideron coñecer a historia e actividade desta compañía familiar galega, con sede central en Marín.
Durante a súa presentación, o directivo resaltou os valores e a importancia das empresas familiares na economía nacional e galega, animando aos alumnos para emprender para ser protagonistas do seu propio futuro laboral.
Nogueira explicou a evolución do grupo, desde o seu nacemento en 1942, como un pequeno transportista de madeira de Pontecesures, ata converterse nun dos maiores grupos de loxística marítima, portuaria e comercial de España, mantendo a súa estrutura familiar. Entre 2000 e 2015 -explicou o directivo- o grupo diversificou a súa actividade cara ao sector agroalimentario galego, co investimento en Extrunoga, dedicada á fabricación de compoñentes de alimentación animal, e cara ao sector das enerxías renovables, apostando ademais pola internacionalización do grupo.
GrupoNogar emprega na actualidade a 300 profesionais en 4 países e factura máis de 100 millóns de euros, con instalacións nos portos de Ribadeo, Ferrol, Cee, A Coruña, Vilagarcía, Marín, Vigo, Cartaxena, Viana do Castelo (Portugal), Paranaguá (Brasil) e Pisco (Perú).
Ao termo da súa exposición, os alumnos interesáronse pola actividade do grupo, pola súa implicación co desenvolvemento sostible e coidado do medioambiente, e realizaron preguntas sobre os procesos de selección e sobre como delegar nunha empresa familiar.
Para Patricia Dias, profesora de ESO de Xeografía e Historia e Economía do centro educativo, “este tipo de charlas, sobre todo de empresas próximas, como é o caso de Nogar, axuda aos alumnos para achegarse á realidade do mundo laboral. Inculcan ademais valores positivos como a aprendizaxe sobre os propios erros e a perseveranza para loitar polas súas ideas”.
Esta charla, que vai acompañada dunha visita dos alumnos ás instalacións de GrupoNogar en Marín, forma parte da quinta edición do programa educativo “Empresa Familiar nas Aulas” de AGEF e Afundación, na que participan 23 empresas familiares e máis de 1.000 alumnos de ESO, Bacharelato e FP de toda Galicia.
Pé de foto: Víctor Nogueira Barrón, director comercial do GrupoNogar, durante a charla no centro educativo.