“Hai vontade de que os fondos europeos cheguen ás pemes”

“Hai vontade de que os fondos europeos cheguen ás pemes”

23 de novembro de 2020. As pequenas e medianas empresas familiares de Galicia, que compoñen o groso do tecido empresarial da comunidade, terán oportunidades específicas para acceder ao fondo europeo de recuperación tras o impacto da Covid-19 para proxectos centrados en dixitalización, sostibilidade, cohesión territorial ou igualdade. Así o puxeron de manifesto Enrique Domínguez, socio de Financial Advisory de Deloitte, e María Guinot, socia responsable da área Regulatorio e Dereito Público de Deloitte Legal no coloquio Oportunidades nas empresas familiares para liderar unha recuperación sostible, organizado pola Asociación Galega da Empresa Familiar e a consultora.

“O Goberno vén de trasladarnos que non quere que as pemes sexan as esquecidas dos fondos e que se establecerán canles que cheguen a un gran número de compañías”, sinalou Domínguez, quen tamén destacou o traballo que está a levar a cabo o executivo galego para poder trasladar ás empresas como acceder a estas axudas.

Guinot, pola súa parte, subliñou a necesidade de aproveitar a oportunidade dos fondos de reconstrución Next Generation e apuntou que España rexistra unha porcentaxe de execución de fondos europeos de arredor do 35%. “Somos o segundo país beneficiario das axudas da Unión Europea, cunha magnitude sen precedentes de 140.000 millóns de euros, case 73.000 en axudas directas. É unha oportunidade sen precedentes para acometer a modernización da nosa economía produtiva que quizais non foi posible financiar nos pasados anos”, desenvolveu.

“O que se está a demandar agora é que se eliminen os embudes administrativos para acceder aos fondos”, engadiu María Guinot, quen explicou que os fondos vanse recibir vía presupostos xerais do Estado e que non haberá unha axencia única especializada encargada de xestionar os fondos. “Serán as comunidades autónomas e locais e as axencias e organismos dos ministerios as que van xestionar os programas. Isto permite respectar o ámbito competencial, pero ao empresario complícalle máis a vida porque non vai ter unha xanela única para a tramitación”, adicionou.

Guinot e Domínguez avanzaron que a partires de xaneiro comezarán a licitarse proxectos de cara á elaboración do plan que o Goberno presentará, antes do 30 de abril, ante a Unión Europea. “O que pode facer unha empresa familiar galega mediana é manter unha conversa aberta coas consellerías e outros organismos para dar a coñecer o seu proxecto. E tamén é moi importante aprender a pensar en clave europea, en como se van avaliar estes proxectos desde a perspectiva da dixitalización, a igualdade ou a transición ecolóxica”, concluíu a experta de Deloitte Legal.

“Non é unha inxección, senón un goteiro”

Esteban González Pons, vicepresidente do Grupo Popular Europeo, destacou pola súa parte que os fondos europeos chegarán por tramos (o 70% antes de 2022), polo que incidiu na necesidade de ter vontade de reformar a economía. “Se o plan de recuperación fose un hospital, non sería unha inxección, sería un goteiro, con máis ou menos diñeiro durante 7 anos dependendo de como responda a economía ao tratamento e da vontade do paciente por mellorar, é dicir, por facer reformas. Se facemos reformas para estar máis saudables, recibiremos axudas, pero se se gasta no que non se debe, retirarannos as axudas do goteiro”, desenvolveu.

O coloquio, celebrado online, foi presentado polo presidente da Asociación Galega da Empresa Familiar, Víctor Nogueira, e moderado pola directora, Margarita Hermo, e o socio responsable de Empresa Familiar de Deloitte, Fernando Vázquez.