Ignacio Rivera asume a presidencia do Instituto de Empresa Familiar

8 de maio 2024. Ignacio Rivera (A Coruña, 1965) foi elixido por unanimidade como presidente do Instituto da Empresa Familiar (IEF), converténdose así no primeiro membro da Asociación Galega da Empresa Familiar en ocupar este cargo. A elección de Rivera tivo lugar durante a Asemblea de Socios do IEF, celebrada no Teatro Real de Madrid. O empresario sucederá a Andrés Sendagorta, presidente de SENER, por un período de dous anos, de acordo con os estatutos da institución.

No seu primeiro discurso como presidente, Ignacio Rivera resaltou a importancia da colaboración entre as empresas familiares e as institucións para fortalecer a política industrial e contribuír ao desenvolvemento económico do país. ” As empresas familiares xeramos o 60% do PIB en España. Creo que calquera política industrial en España, calquera esforzo de potenciación da nosa autonomía estratéxica, debe facerse da man das nosas empresas familiares “, salientou Rivera.

O directivo compaxinará o seu novo cargo coa súa función como presidente e conselleiro delegado de Corporación Hijos de Rivera, onde representa a cuarta xeración da familia. A compañía galega, fundada en 1906, está especializada na produción, comercialización e distribución de bebidas. Actualmente, conta con 31 empresas establecidas en 8 países e ten presenza en máis de 70 países do mundo.

Os asistentes ao encontro tiveron a oportunidade de asistir a unha mesa redonda sobre A cadea alimentaria: do campo ao consumidor, así como a un diálogo entre Colin Mayer, profesor emérito da Universidade de Oxford, e José Luis Blanco, director xeral do IEF, sobre os retos do sistema económico actual.

Na asemblea estivo presente José B. Silveira, presidente da Asociación Galega da Empresa Familiar. As 60 empresas galegas asociadas a Agef, todas elas de propiedade familiar, empregan na actualidade a 55.000 traballadores e facturan máis 15.000 millóns de euros.

Na imaxe, Ignacio Rivera, presidente e conselleiro delegado de Corporación Hijos de Rivera, durante o seu discurso na Asemblea de Socios FOTO: CEDIDA