05 Feb INASUS achega a empresa familiar e as súas fachadas singulares ao Colexio San José de Cluny de Santiago
5 de febreiro de 2025.– David Castro, director de persoas e cambio do grupo INASUS, impartiu esta mañá unha conferencia maxistral #ante un grupo de 43 alumnos do Colexio San José de Cluny de Santiago de Compostela. Enmarcada na quinta edición do programa educativo “Empresa Familiar nas Aulas”, que impulsan a Asociación Galega da Empresa Familiar (AGEF) e Afundación, a Obra social de ABANCA, a charla incidiu na importancia da empresa familiar como motor da economía nacional e galega e na evolución do grupo INASUS, desde unha pequena carpintería metálica en Lalín ata converterse nunha compañía líder no deseño, fabricación e montaxe de fachadas especiais para edificios singulares, con proxectos en once países de tres continentes distintos.
David Castro explicou aos alumnos que é unha empresa familiar e compartiu algúns datos relevantes para reflectir o seu impacto na economía e sociedade. En Galicia -puntualizou- o 92% das empresas son familiares, achegan o 85% do PIB do sector privado e absorben máis do 82% do total do emprego da rexión.
“A vocación de permanencia é un trazo distintivo na cultura da empresa familiar, con respecto á dunha multinacional”, subliñou o directivo. “O arraigamento ao territorio tradúcese en proxectos máis estables e próximos aos empregados”.
Desde Lalín, a colaborar con Norman Foster e traballar para Google ou o Real Madrid
Os estudantes, que proximamente realizarán unha visita guiada ás instalacións de INASUS en Lalín, tiveron a oportunidade de coñecer o traballo de David Castro na xestión, dirección e formación de persoas nunha empresa familiar, aprender en que consiste a procura de emprego, que buscan as empresas e como orientar os seus estudos para perseguir os seus soños laborais. O directivo fixo, ademais, un repaso dos principais fitos e proxectos do grupo desde a súa constitución hai 55 anos pola familia Cuíña.
INASUS iniciou a súa andaina en 1970 como unha pequena carpintería de aluminio para a construción nunhas modestas instalacións de 200 m2 en Lalín. Co paso dos anos, a compañía amplía as súas instalacións, especialízase en fachadas especiais en aluminio, vidro ou aceiro inoxidable para edificios singulares, e dá o salto ao plano internacional coa apertura de oficinas en Madrid, París ou Birmingham. Na actualidade, INASUS factura 40 M€, emprega a unhas 250 persoas (a maior parte en Lalín) e executa proxectos en todo o mundo. Traballa para grandes construtoras como FCC ou OHL, colabora con arquitectos de renome como Norman Foster, e é artífice de fachadas icónicas como a da nova sede de Google en Irlanda ou a do novo estadio Santiago Bernabéu do Real Madrid.
Empresa Familiar nas Aulas
O programa educativo “Empresa Familiar nas Aulas” de AGEF e Afundación, a Obra Social de ABANCA persegue inspirar vocacións emprendedoras e novos horizontes laborais entre os estudantes mediante a realización de actividades, charlas, visitas a empresas e coa convocatoria do concurso “Emprender é soñar, apúntasche?”.
Nesta quinta edición participarán máis de mil alumnos de ESO, Bacharelato e FP de 22 centros educativos das catro provincias galegas e 23 das empresas familiares máis destacadas de Galicia (Aceites Abril, Altia, Aluminios Cortizo, Babé y Cia, Cafés Candeas, Congalsa, Espiña e Delfín, Galuresa, Grupo Aresa, Grupo Freire, Grupo Lence, GrupoNogar, Grupo Pérez Rumbao, Grupo Revi, Grupo Zendal, Inasus, Jealsa, Lodiel, Nauterra, Nortempo, Severiano Servicio Móvil, Terras Gauda e Torre de Núñez).
Sobre AGEF
A Asociación Galega da Empresa Familiar (AGEF) é a principal asociación de empresas con raíces, sede social e vocación de permanencia en Galicia, integrada na actualidade por 62 compañías. O seu propósito é promover o desenvolvemento e crecemento das empresas familiares na nosa comunidade, defendendo os seus dereitos e intereses e apoiando iniciativas que as fagan máis competitivas, co obxecto de favorecer o incremento da prosperidade e calidade de vida de Galicia.