Jealsa incentiva e contrata profesionais formados en Galicia

7 de febreiro 2024. O grupo Jealsa emprega a 4.000 profesionais (2.500 empregos en Galicia) e está integrado maioritariamente por galegos formados en Galicia. O presidente de Jealsa, Jesús Alonso Escurís, indica que a súa compañía contrata anualmente 50 persoas, fundamentalmente mozas e mozos de elevada formación e con dispoñibilidade para moverse. “As empresas familiares temos raíces e preocupámonos por crear riqueza na contorna onde nacemos”, sinalou o presidente de Jealsa diante dos 80 alumnos de ESO,bacharelato e FP do IES Félix Muriel.

A empresa e o instituto de Rianxo participan no programa Empresa familiar nas aulas, organizado pola Asociación Galega da Empresa Familiar (Agef) e Afundación Obra Social ABANCA, que ten por obxectivo fomentar a formación e o emprendemento entre os mozos galegos.

Jesús Alonso subliñou a importancia da formación para comezar unha carreira profesional, tanto no camiño do emprego asalariado como no do emprendemento.

Empresa Familiar nas aulas achega os principais empresarios galegos aos colexios e institutos de toda Galicia, coa participación de máis de 2.500 estudantes e 20 empresarios galegos de primeiro nivel. As mozas e mozos galegos xa teñen elaborado e presentado 34 proxectos empresariais co obxectivo de emprender novos negocios.

“Aprendín do meu pai que a prioridade dunha empresa é a supervivencia. As empresas familiares galegas vivimos aquí e contratamos aquí, como a nosa, dende 1958”, explicou o presidente de Jealsa. A firma galega é hoxe unha corporación formada por 27 sociedades integradas en 3 divisións de negocio (alimentación, valorización e enerxía).

Jealsa produce 1.500 millóns de latas de conservas anuais, un 45% de toda a produción conserveira española de peixes e mariscos. O grupo está experimentando tamén un forte crecemento na súa división Valorización, coa fabricación de alimentos para mascotas e produtos para cosmética e farmacia a partir dos descartes e restos da alimentación humana.

A 4a edición do programa Empresa Familiar nas aulas inclúe clases de 18 empresarios en 18 centros educativos de toda Galicia, visitas escolares ás empresas e un programa titorizado para que os estudantes presenten proxectos empresariais elaborados por eles.

Imaxe: Jesús Alonso Escurís, presidente de Jealsa, durante a charla no centro educativo. FOTO: Punto GA | M. Riopa