18 Mai Jealsa participa no programa `Empresa Familiar nas aulas´
10.05.2022. Un total de 42 estudantes do instituto de Espiñeira en Boiro asistiron á clase impartida por Jesús Alonso, presidente de Jealsa, acompañado por Margarita Hermo, directora da Asociación Galega da Empresa Familiar, para exponer o funcionamento dunha empresa familiar e os alicerces da súa sostibilidade no tempo. O faladoiro desenvolveuse dentro da II edición do programa Empresa Familiar nas aulas, organizado pola Asociación Galega da Empresa Familiar e Afundación (Obra Social Abanca). “O máis importante para unha empresa é asegurar a súa continuidade”, subliñou o empresario.
Na clase e posterior visita ás instalacións da compañía participaron rapazas e rapaces de FP medio de Xestión Administrativa, FP superior de Administración e Finanzas, FP medio de Instalacións de Telecomunicación e alumnos de Economía de 1º de bacharelato.
Margarita Hermo, directora da Asociación Galega da Empresa Familiar (AGEF), explicoulle ao alumnado que as empresas familiares representan o 92,4% do tecido empresarial de Galicia e dan emprego directo a 371.000 persoas. A directora da AGEF ensinoulle aos escolares exemplos de compañías familiares que viven na comarca como Congalsa, da Pobra do Caramiñal e tamén asociada a AGEF.
Jesús Alonso, que é segunda xeración familiar en Jealsa, incentivou o espirito emprendedor relatando a historia da súa familia e a fundación da compañía. “Emprendedor onde os haxa, Jesús Alonso Fernández, meu pai, é o creador da primeira empresa conserveira de España e segunda de Europa, un legado que tiven a sorte de recoller e seguir traballando” explicou Alonso. O grupo Jealsa é unha compañía fundada en Boiro en 1958 adicada á fabricación e comercialización de conservas de peixes e mariscos con case 6.000 traballadores con presenza internacional. O grupo naceu realmente en 1954, coa textil Jealfer, daquela un pequeno taller familiar de prendas de punto, que na actualidade mantén un brands portfolio composto por marcas como Pertegaz, Viriato e Jorge Vázquez.
O presidente de Jealsa subliñou o programa de sostibilidade denominado We Sea onde invertiron o ano pasado aproximadamente 28 millóns de euros, “compromisos que teñen un coste máis alá do que esixe a lei”, explicou. We Sea é a iniciativa de responsabilidade social corporativa de Jealsa, que engloba toda a estratexia e os esforzos da compañía na área de sostibilidade e responsabilidade social, un compromiso que engloba a toda a corporación. “Somos responsables coa contorna, cos recursos mariños, coas persoas e queremos contribuír de forma visible e significativa na transformación cara a un mundo máis sostible”, subliñou Jesús Alonso.
O empresario rematou a sua intervención animando aos asistentes a emprender destacando que “non deixen de realizar as súas ideas”.