José Bernardo Silveira: “A retención do talento é clave para asegurar o futuro das nosas empresas”

12.06.2023. José Bernardo Silveira Martín asume con ilusión e grande sentido da responsabilidade o reto da presidencia da Asociación Galega da Empresa Familiar (Agef), coa intención de dar continuidade á grande labor realizada polos seus predecesores. Entre as súas prioridades, Silveira marca a de traballar para reter o talento en Galicia xa que “é clave para asegurar o futuro das nosas empresas”.

Silveira é consciente dos desafíos aos que se enfronta o sector empresarial nestes tempos de inestabilidade, pero é optimista coas novas xeracións e as oportunidades de negocio en Galicia.

O director xeral do Grupo Nosa Terra 21 foi elixido por unanimidade o martes 30 de maio na asemblea de socios celebrada en Santiago de Compostela. É o sexto presidente da entidade, formada por 60 das principais empresas de propiedade familiar de Galicia.

Cales son as túas prioridades ao fronte da Agef?
Dende o principio teño moi claro que non se trata das miñas prioridades, senón das prioridades de todos os asociados da Asociación Galega da Empresa Familiar. Nas anteriores directivas fíxose un traballo excelente, investindo moito tempo e esforzo para mellorar as condicións que permitan que as empresas familiares se consoliden e evolucionen en tempos moi complicados.

Por que é importante coidar das empresas familiares en Galicia?
Porque son o motor económico e social da nosa comunidade. Os números son contundentes. As empresas familiares supoñen o 92,4% do tecido empresarial galego e xeramos o 86,3% de todo o emprego privado na rexión. En Galicia hai 80.000 empresas familiares de todos os tamaños. Dende grandes grupos a pequenos negocios locais, todos xuntos facturamos 96.000 millóns de euros en 2022. Ante a contundencia destes números, parece lóxico que as administracións e empresarios teñamos que traballar conxuntamente para poder seguir xerando riqueza e emprego aquí. É unha das nosas señas de identidade: somos as empresas que vivimos aquí.

Cales son os principais retos aos que se enfrontan hoxe as empresas familiares en Galicia?
Como sinalei ante a asemblea de socios no meu discurso de aceptación do cargo, creo que hai tres cuestións clave: a seguridade xurídica, unha rede de transportes adecuada aos tempos e ao lugar onde vivimos e a atracción e retención do talento. As empresas familiares, e en xeral calquera proxecto empresarial, precisan dun marco legal estable e dunha burocracia áxil. Estamos nun momento xeopolítico complexo e en tempos de tanta incerteza global, o sector empresarial necesita certezas para proxectarse ao futuro.

¿Necesitamos mellorar as redes de transporte?
Si. Galicia é un mercado pequeno e periférico e precisamos crecer cara fóra. As comunicacións son clave para que poidamos desenvolvernos e manter as nosas sedes en Galicia. É necesario rematar de desenvolver unha moderna rede de transportes que nos conecte con outros centros económicos e industriais tanto nacionais como internacionais: o Corredor Atlántico para as nosas mercadorías e unha eficaz rede ferroviaria de alta velocidade que nos conecte en tempos razoables coa meseta e cos nosos veciños portugueses, isto último facilitarán a tan necesaria atracción e retención do talento.

A sucesión é un dos momentos críticos de toda empresa familiar. Hai relevo? As novas xeracións están preparadas para asegurar o futuro destas compañías?
Rotundamente si. Somos unha terra afortunada en recursos, clima, enerxía, materias primas e talento. Os nosos mozos son brillantes e están abondo preparados para asumir os retos que veñen. Pero debemos conseguir que sintan que a súa terra lles ofrece as condicións óptimas para desenvolver os seus proxectos vitais. A retención do talento é un dos nosos retos. Pero son optimista. As empresas familiares temos un firme compromiso coa nosa terra e coa vontade de continuidade. Queremos ser máis e mellores, e eu reitero o meu compromiso inequívoco cos socios da Asociación Galega da Empresa Familiar para seguir colaborando coas administracións e as diferentes entidades sociais para trazar o camiño ao brillante futuro que Galicia merece.

 

Na imaxe, José Bernardo Silveira durante a XXIII Asemblea de socios da Asociación Galega da Empresa Familiar. Punto GA / Miguel Riopa.