José Luis Castro Romero: “O noso maior activo son as persoas”

15 de decembro de 2021. O presidente e conselleiro delegado de Grupo Servicio Móvil, José Luis Castro Romero, recolleu onte o XV Premio Familia Empresaria en representación de toda a familia Castro Romero. Na súa intervención, destacou a importancia das persoas que forman e formaron parte do conglomerado empresarial creado en 1978 polo seu pai, Severiano Castro Gregorio. “Sempre mantivemos unha filosofía familiar, moi arraigada co noso pobo, coas nosas raíces e coa nosa contorna socioeconómica. Nos últimos catro anos duplicamos os empregos nas nosas empresas e agardamos seguir neste camiño nos próximos anos. Sen dúbida, o noso maior activo son as persoas”, sinalou o empresario pontés.

Emocionado, José Luis Castro lembrou as orixes da empresa familiar, cando o seu pai, que iniciara un pequeno negocio de torneado de madeira, elaboraba buxainas e regaláballas aos nenos da localidade do Eume. “Ese costume mantívoo o noso irmán Lolo e, aínda que é un obxecto de moi pouco valor económico, ten un gran valor simbólico para nós”, explicou o empresario, que obsequiou cun xogo de buxainas a todos os presentes. Na actualidade, Grupo Servicio Móvil é un referente en loxística sanitaria ou xestión documental, que conta con 23 empresas e 180 centros de traballo na península ibérica e emprega de forma directa a 2.920 persoas.

O presidente da Asociación Galega da Empresa Familiar, Víctor Nogueira, enxalzou o compromiso coa sociedade da familia Castro Romero dende os seus inicios. “Don Severiano Castro xa amosaba entón un dos valores que distinguen a unha grande empresa familiar: a conciencia social. Tiña a ollada posta no seu territorio, no Eume, e preguntárase que podía facer el para axudar aos seus veciños. E agora, durante a gran crise sanitaria da Covid-19, os Castro Romero foron un exemplo da contribución social das empresas familiares onde era máis necesario: poñendo en marcha o almacén central de EPIs da Comunidade de Madrid, a súa xestión e distribución polos centros sanitarios; e encargándose da almacenaxe e a distribución das vacinas en Galicia, en colaboración co Sergas”, salientou Nogueira ante algúns dos principais empresarios e empresarias familiares de Galicia.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, fixo entrega do premio a Castro Romero e puxo en valor “o olfacto emprendedor, a capacidade de traballo e sacrificio e o reinvestimento constante” de Servicio Móvil, “constituíndo unha empresa das máis importantes de Galicia e un referente na loxística e outros ámbitos”.

O acto de entrega do XV Premio Familia Empresaria contou coa asistencia de representantes das 58 empresas familiares inscritas na Asociación Galega da Empresa Familiar, ademais do presidente do Instituto de Empresa Familiar, Marc Puig, e o director xeral de Sabadell Gallego, Pablo Junceda. Os asistentes tamén puideron escoitar ao doutor Ángel Carracedo, que ofreceu unha poñencia sobre medicina personalizada e big data na era dixital.

O Premio Familia Empresaria, impulsado pola Asociación Galega da Empresa Familiar co apoio de Sabadell Gallego, recoñece a traxectoria empresarial e a vocación de permanencia en Galicia das compañías familiares, que representan o 92,4% do tecido empresarial da comunidade, o 85% da contribución ao PIB e o 86% do emprego privado.