12 Dec José Prada Muradás: “Somos unha empresa privada con vocación de servizo público” Tranvías de A Coruña, premio Familia Empresaria de Galicia
12.12.2017
O presidente da compañía de Tranvías de A Coruña, José Prada Muradás afirmou, ao recibir o XII premio Familia Empresaria de Galicia, que “somos unha empresa privada con vocación de servizo público”. José Prada, membro da segunda xeración da empresa familiar fundada por Isaac Prada en 1901 dedicou o premio aos futuros sucesores “para que sigan levando a empresa por onde vai desde entón”.
Un total de 120 empresarios e directivos de empresas familiares galegas asistiron a xornada de traballo, que incluiu varias conferencias formativas. O economista Venancio Salcines explicou nunha das sesións “a importancia de que as empresas familiares exerzan con toda a forza que poidan o seu rol na sociedade civil, para poñer sobre a mesa temas estratéxicos como a reducción da burocracia ou a atracción de talento a Galicia”.
O presidente da Asociación Galega da Empresa Familiar, Víctor Nogueira, subraiou o compromiso dos empresarios galegos “na súa aposta por Galicia ao tempo que exportamos a marca Galicia a moitos países”.
Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia, entregou a distinción anual ao presidente de Tranvías de A Coruña, empresa da que eloxiou a súa traxectoria, “porque o papel que un empresario realiza, a súa confianza para invertir e dedicarse, neste caso, ao transporte, é insustituible”.
O alcalde de A Coruña, Xulio Ferreiro, destacou que “na cidade de A Coruña o 61% dos desprazamentos realízanse en transporte público, en bici ou a pe” e apostou por estender esa mobilidade sen coche particular a toda a comarca, cun novo modelo de transporte metropolitán.
Das mulas á tarxeta
A compañía de Tranvías que move cada ano a 22 millóns de pasaxeiros é unha empresa familiar fundada en 1901 por Isaac Prada. En 1903 púxose en marcha a primeira líña, tirada con mulas, e en 1913 comezou a operar a súa primeira liña de tranvía eléctrico en A Coruña. Nos anos 40, os tranvías conviviron cos trolebuses para nos anos 60 dar paso aos primeiros autobuses, que na actualidade son 100% accesibles, controlados por satélite e de baixas emisións contaminantes. A empresa é pioneira no uso de tecnoloxías de pago con tarxeta.