José Silveira Martín releva a Víctor Nogueira na presidencia da Agef

30.05.2023. José Bernardo Silveira Martín foi elixido hoxe sexto presidente da Asociación Galega da Empresa Familiar (Agef) na XXIII asemblea xeral de socios celebrada no Hostal dos Reis Católicos en Santiago de Compostela. O director xeral do Grupo Nosa Terra 21 releva no posto a Víctor Nogueira, que exerceu dous mandatos de tres anos.

Na súa primeira intervención como presidente da Agef, Silveira agradeceu a confianza dos socios e o labor realizado polos seus predecesores no cargo. “Tomo o testemuño cun gran sentido da responsabilidade e comprometido a seguir loitando para mellorar as condicións das empresas familiares galegas, para que sigamos prosperando e contribuíndo ao desenvolvemento económico e social de Galicia”, sinalou Silveira.

O novo presidente constatou o crecemento da xeración de emprego nas empresas familiares galegas, con 447.000 traballadores no último exercicio pechado de 2022. Galicia é a terceira autonomía con maior peso das firmas familiares, que suman 80.000 empresas e representan o 86% de todo o emprego privado de Galicia.

O vicepresidente primeiro da Xunta, Francisco Conde, felicitou o novo presidente da Agef e sinalou que a Xunta “ten como prioridade a industria, e ser facilitadora de medidas para favorecer a competitividade das nosas empresas e apoialas nos retos actuaies, o enerxético e a dixitalización”.

A asemblea fixo balance das actividades e iniciativas do último ano, e definiu os obxectivos que perseguirá na nova etapa. Agef está integrada polas 60 principais compañías de propiedade familiar de Galicia.

A xornada contou tamén coa presenza do conselleiro de Facenda, Miguel Corgos López-Prado; a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana; o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Manuel Vieites; e o presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet.

Perfil de José Silveira Martín

José Silveira Martín é director xeral do Grupo Nosa Terra 21 e conselleiro e secretario do seu consello de administración. Foi responsable durante case 25 anos do maior hospital privado de España, Hospital Povisa S.A.

Silveira, segunda xeración dunha familia empresaria con intereses no sector naval, é enxeñeiro industrial, con especialidade en organización industrial. Cursou o Executive MBA na Escola de Negocios Caixanova. Está casado e ten catro fillos.

Na imaxe, José Silveira, novo presidente da Agef, xunto a Víctor Nogueira. FOTO: Punto GA | Miguel Riopa.