25 Mar La Pera: cando a empresa aposta pola arte
25 de marzo de 2021. Pode ser viable unha empresa que aposta pola arte? Clara Andrade Pereira e Blanca Pascual Baztán, fundadoras da startup La Pera Projects, responden que sí. Conscientes da complexa idiosincrasia do mercado da arte, pero tamén do seu atractivo, estas dúas novas empresarias españolas crearon esta compañía asentada en Nova York co obxectivo de dar visibilidade a artistas novos a un público non especializado con obras asequibles, de todos os estilos e de todos os países, e vén de converterse na primeira plataforma de arte contemporánea que utiliza Whatsapp como principal canle de vendas a un custo asequible, con 3.500 membros e máis dun 85% en vendas.
“Pretendemos achegar o mundo da arte e o mundo dixital ao sector profesional das artes visuais, e por iso operamos como unha galería de arte, pero a través de Whatsapp”, sinalou Andrade, quen explicou que, malia que “hai moito de experiencia física no goce dunha obra de arte”, a dixitalización aportou cousas positivas a este mercado, “como unha maior transparencia de prezos e unha maior accesibilidade e internacionalización”. “Queriamos achegar a arte contemporánea á xente cun prezo que non fose intimidante. Agora, cada dúas semanas presentamos cinco obras cun prezo límite de 600 dólares”, engadiu Pascual.
Andrade e Pascual, ambas con experiencia previa como directoras de galerías de arte físicas, explicaron o rigoroso proceso de selección artística que levan a cabo e que conforma a parte máis importante do seu negocio, e puxeron o acento na importancia do coleccionismo corporativo no mundo empresarial de todos os sectores como parte da responsabilidade social corporativa, ao realizar unha aposta firme pola cultura.
Aínda que lamentaron a falta de apoio institucional en España ao sector artístico, coa barreira do IVE e a lei de mecenado, destacaron a aposta de diversas compañías españolas polo coleccionismo corporativo, unha práctica que exemplificaron coas empresas familiares galegas Terras Gauda e Grupo Pereira.
A arte e a empresa familiar galega
Blanca Pascual e Clara Andrade convidaron ao coloquio a Antón Fonseca e Ruy Andrade, vicepresidente e director de comunicación, respectivamente, das empresas familiares Terras Gauda e Grupo Pereira, dúas compañías que levan annos apostando pola arte.
O vicepresidente de Terras Gauda lembrou as artes plásticas de Francisco Mantecón, autor da imaxe corporativa da empresa vitivinícola, quen hoxe dá nome ao certame da Bienal Internacional de Cartelismo Terras Gauda. “Cando Paco nos deixou, tamén nos deixou un baleiro, e meu pai pensou como facer para que a arte seguise na empresa. Creamos a bienal para que, de algunha forma, seguise traballando con nós. Fomos a polos mellores artistas estatais en cartelismo e hoxe somos o 4º concurso de cartelismo máis importante a nivel mundial”, explicou Fonseca.
Pereira conta na actualidade cunha colección de diferentes representacións artísticas do Berbés, o barrio vigués de pescadores que viu nacer á compañía. “O meu avó, José Pereira, xa tivo os seus inicios no coleccionismo con pintores galegos, e o seu fillo, o noso conselleiro, tamén é un ávido coleccionista”, explicoou Ruy Andrade sobre a aposta artística de Grupo Pereira, que adquiriu importantes pezas para espazos relevantes das súas oficinas e naves. Andrade destacou a escultura, obra de Francisco Leiro, dunha persoa da lonxa do Berbés de Vigo cargando un gran peixe; un mural de Darío Vaso que representa un mapamundi con todos os caladoiros onde pesca a compañía; unha obra de Pilar Alonso que mestura pintura e fotografía, con caixas de luz; ou unah pintura de Flix Robótico que retrata o Berbés.
Clara Andrade e Blanca Pascual salientaron que hoxe as empresas apostan moito máis por eventos deportivos que polas artes visuais, polo que hai marxe de mellora. “Pensamos que isto acontece polo descoñecemento do mundo da arte contemporánea e do mercado da arte, pero este pode ser moi rendible”, afirmaron.