Lence conciencia aos mozos sobre a importancia do rural galego

20 de febreiro 2024. Carmen Lence, presidenta do Grupo Lence, valora positivamente o impacto de proxectos como Empresa familiar nas aulas, impulsado por Afundación Obra Social ABANCA e a Asociación Galega da Empresa Familiar. “É un programa que nos dá a oportunidade de concienciar aos máis novos sobre o peso que ten o rural para manter a soberanía alimentaria e as súas implicacións para a economía, a alimentación e a fixación de poboación e emprego”, explica a empresaria.

A charla tivo lugar ante 33 estudantes de 4º de ESO do CPR Fingoi de Lugo. Carmen Lence compartiu cos alumnos a importancia de manter vivo o espírito de superación e de ser fiel aos valores da compañía. Os alumnos tamén visitaron un dos centros de produción de Lence en Lugo e puideron coñecer en directo todo o proceso industrial do sector lácteo galego.

O encontro dos escolares do colexio Fingoi de Lugo forma parte da 4ª edición de Empresa familiar nas aulas, na que participan 18 dos principais empresarios familiares e colexios e institutos de toda Galicia. A presidenta de Lence resaltou ante os estudantes o papel fundamental que desempeñan as empresas familiares galegas. “En Galicia, a empresa familiar representa o 92,4% do total de empresas, xeran o 86,3% do emprego e achegan o 85% do valor engadido bruto”, expuxo a empresaria.

O Grupo Lence, con sede en Lugo, é un grupo familiar dedicado ao sector alimentario. Fundada en 1975 por Jesús Lence, pai da actual presidenta, a compañía conta na actualidade con cinco marcas propias (Río, Leyma, Solar, Cremosita, Galega). Nos cinco últimos anos a empresa duplicou o seu tamaño, alcanzando os 233 empregos directos con 260 millóns de euros en vendas e 300 millóns de litros de leite procesado. Lence conta na actualidade con 3 plantas de produción desde as que comercializan o 40% do leite que se produce en Galicia, que á súa vez é o maior produtor lácteo de España.

 

Imaxe: Estudantes do CPR Fingoi de Lugo durante a charla de Carmen Lence.