Luis Pérez Canal: “Antes de xogar, vinde axudar a empresa”

Allariz, 22.11.2022Luis Pérez Canal, un dos máximos responsables de Aceites Abril, foi o encargado de agradecer aos máis de 150 asistentes ao Premio Familia Empresaria de Galicia 2022. “Os meus pais sempre inculcaron en nós a cultura do esforzo. Vivíamos no barrio da Ponte, en Ourense, a tenda estaba abaixo e nós vivíamos arriba. Sempre nos dicían: antes de xogar, vinde axudar a empresa”, lembrou Luis Pérez Canal.

 

A familia Pérez Canal anunciou dous grandes proxectos nos que xa está a traballar: unha gran ampliación das súas naves na planta de San Cibrao das Viñas; e o proxecto sucesorio á cuarta xeración. “Fomos medrando grazas á confianza das cadeas de distribución e das conserveiras (Aceites Abril abastece ás principais conserveiras galegas). E grazas a esta Asociación Galega da Empresa Familiar que nos permite exercer a amizade entre familias empresarias, compartir ideas, que nos enriquece e nos fai mellores”, explicou Pérez Canal.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, dirixiuse aos empresarios salientando que “as cifras das empresas familiares galegas son espectaculares e seguirán contando co seu apoio porque son imprescindibles como parte fundamental da vida económica de Galicia”. Víctor Nogueira, presidente da Asociación Galega da Empresa Familiar, destacou o papel que xoga Aceites Abril no seu compromiso social e apego ás súas raíces. “Sodes un exemplo de sucesión exitosa, apostando sempre por ser unha empresa que vive aquí”, describiu Víctor Nogueira.

Imaxe: Punto GA / M.Riopa