551 estudantes aprenden coas principais empresas

9.03.2022. 551 estudantes da educación secundaria (ESO), bacharelato e formación profesional (FP) de 15 centros educativos de toda Galicia participan na segunda edición do programa Empresa Familiar nas aulas, unha iniciativa da Asociación Galega da Empresa Familiar e de Afundación, a Obra Social de ABANCA. O programa fomenta o emprendemento da mocidade a través de faladoiros con 15 empresarias e empresarios familiares dalgunhas das compañías de propiedade familiar máis relevantes de Galicia. O proxecto inclúe visitas das rapazas e rapaces ás empresas e a participación na II edición do concurso Imaxina a túa Empresa.

Imaxina a túa Empresa permite ao alumnado enrolarse nun traballo de creación dunha nova empresa en Galicia de calquera sector ou actividade económica, na que deben desenvolver a idea, un breve plan de negocio e obxectivos da nova compañía. Na pasada edición foron galardoados un grupo de 4 alumnas e alumnos de 3º de ESO do centro educativo compostelán San José de Cluny e outro de 6º de primaria do colexio Eduardo Pondal de Cangas do Morrazo, cun proxecto empresarial de informatización das cidades centrado no transporte e outro de espectáculos, respectivamente.

O obxectivo do programa é reforzar a educación emprendedora e fomentar as vocacións nos escolares, así como potenciar os valores das empresas familiares, que representan o 92,4% do tecido empresarial de Galicia e dan emprego directo a 371.000 persoas. Empresa Familiar nas aulas tamén serve para orientar á mocidade sobre o seu futuro laboral, dando a coñecer as oportunidades que ofrece a FP e o emprendemento como opcións de emprego e autoemprego.

“Estamos diante dun dos proxectos máis motivadores da Asociación Galega da Empresa Familiar, que permite aos nenos e nenas coñecer o funcionamento dunha grande empresa da súa comarca e, a nós, divulgar a cultura do emprendemento” explica Víctor Nogueira,presidente das empresas familiares galegas. “Reforzar o coñecemento académico relacionado coa empresa, espertar a vocación profesional e abrir horizontes laborais, algo fundamental para o futuro do tecido empresarial galego”, subliña Nogueira.

Miguel Ángel Escotet, presidente de Afundación, pon de relevo que “para Afundación é un pracer participar no programa Empresa Familiar nas aulas. É moi gratificante comprobar o bo resultado deste proxecto, que, ademais, reforza a importancia do compromiso, do esforzo e da responsabilidade, valores que subscribimos, tamén, en Afundación. De feito, a nosa entidadeimpulsa o programa Educación financeira, dirixido a escolares e premiado a nivel estatal, precisamente para incidir na relevancia do coñecemento dun ámbito tan determinante nas nosas vidas”.

O programa acaba de comezar o 4 de marzo no CPR Manuel Peleteiro de Santiago de Compostela, cunha clase maxistral de Julio Simarro, director comercial de Congalsa. Durante os meses de marzo e abril concéntranse as clases dos empresarios máis asvisitas dos estudantes ás empresas, para logo preparar os traballos de cada grupo que concursará en Imaxina a túa Empresa.

No programa Empresa Familiar nas aulas deste curso participa o empresariado e a directiva das empresas Altia (A Coruña), Babé y Cía (Vigo), Pérez Rumbao (Ourense), Nogar (Marín), Aresa (Lugo), Aceites Abril (Ourense), Aluminios Cortizo (Padrón), Lodiel (Moaña-Cangas), Terras Gauda (O Rosal), Gadisa-Grupo Tojeiro (Betanzos), Revi (Ourense), Jealsa (Boiro), Congalsa (A Pobra do Caramiñal) e Severiano Servicios Móviles (As Pontes).

A lista de colexios, institutos da ESO e institutos de FP participantes está integrada por: IES Castro da UZ, IES Rafael Puga Ramón e colexio Divina Pastora; SEI San Narciso, colexio Divino Maestro e colexio Maristas de Lugo, Ourense e Vigo, colexio San José de Cluny, IES Rodeira, IES A Sangriña, IES Francisco Aguiar, CIFP A Carballeira-Marcos Valcácel e CPR Manuel Peleteiro. Todos os centros e estudantes participantes contarán cunha guía didáctica que contén unha serie de orientacións e recursos relacionados coa empresa familiar e o emprendemento, así como premios por participar no programa.