08 Out Máis tamaño, máis posibilidades de éxito A directora da Asociación Galega da Empresa Familiar presenta na Cámara de Santiago un traballo sobre tamaño e sucesión empresarial
8 de outubro de 2019. O 90% das 50 maiores empresas de Galicia hai case 30 anos –as de maior facturación– sobreviven hoxe en día, sendo a taxa de mortalidade anual media das empresas con sede en Galicia do 11,6%. Un estudo elaborado por Punto GA Comunicación e o departamento de servizos avanzados Ardán do Consorcio da Zona Franca de Vigo, revela que a taxa de éxito e supervivencia no mercado das empresas galegas de maior tamaño é 8 veces máis elevado que o das compañías máis pequenas. O traballo foi presentado hoxe na Cámara de Comercio de Santiago de Compostela pola directora da Asociación Galega da Empresa Familiar, Margarita Hermo, incluíndo un decálogo de recomendacións para garantir unha boa sucesión familiar nas empresas.
“No tecido empresarial de Galicia predominan as pequenas e medianas empresas, polo que fixar protocolos que achancen o camiño para continuar medrando faise imprescindible”, sinalou Hermo.
A directora da Asociación Galega da Empresa Familiar incidiu na importancia de contar cun protocolo familiar e un plan de sucesión para transmitir, entre outras cousas, a cultura corporativa das compañías e garantir a súa supervivencia. “O obxectivo principal do protocolo familiar é o de fixar unha serie de reglas do xogo para asegurar a continuidade das empresas familiares. Dentro deste protocolo, o plan de sucesión é clave e permítenos previr non só a improvisación na sucesión, senón tamén posibles conflitos xeracionais que non teñen por que ocorrer se contamos cunha planificación clara”, engadiu.
Margarita Hermo participou na xornada Como planificar con éxito a sucesión da empresa familiar, na que tamén interviñeron o socio de Ausum Asesores y Abogados de Empresa Diego Víboras e o representante da notaría Pardo y Feijóo Héctor Pardo.
Descarga aquí a presentación O reto da sucesión na empresa familiar.