Maristas e IES A Sangriña, premios `Imaxina a túa empresa´ 2023

16.05.2023. Unha fábrica de caramelos ecolóxicos, ideada por un grupo de estudantes de 4º da ESO do Colexio Maristas de Lugo, e unha cafetería de temática vintage, deseñada por tres alumnos de 2º de Bacharelato do IES A Sangriña de A Guarda, foron os gañadores da terceira edición do concurso Imaxina a túa empresa.

O xurado de Imaxina a túa empresa, integrado por dous representantes de Agef, dous de Afundación e un representante das Cátedras da Empresa Familiar, valorou a implicación de docentes e alumnos así como a calidade dos proxectos presentados.

“O obxectivo deste programa é fomentar a inquietude por facer algo teu: crear unha empresa, crear futuro para os nosos fillos. O futuro sodes vós. Seguide adiante con estas ideas. Recibiredes golpes. Non é sinxelo mais é importante ter vocación de ser emprendedor, rupturista. Debedes ser valentes porque hai moito que facer e sodes unha xeración moi formada. Non vos deixedes levar polo desánimo”, dixo Víctor Nogueira aos participantes.

“O concurso ten a idea de sementar en vós a idea de que podedes fundar a vosa propia empresa. Tedes que mirar no voso entorno, identificar as  oportunidades e  mirar un pouco más alá. Os xenios do futuro han de ter pensamento crítico, ser intelectualmente curiosos e ter flexibilidade”, sinalou Carlota Sánchez Puga.

Nos oito proxectos empresariais presentados participaron activamente 34 alumnas e alumnos da ESO e Bacharelato. No conxunto do programa educativo  Empresa Familiar nas Aulas deste curso interviñeron 875 alumnos de 17 institutos e colexios galegos e 17 empresarios da Asociación Galega da Empresa Familiar.

Andrea Vega, alumna premiada na categoría de Bacharelato, destacou: “Fainos moita ilusión estar aquí e estamos moi orgullosos de ter presentado o noso proxecto despois de moitos meses de duro traballo, pero pagou a pena. Foi unha grande aprendizaxe”.

Empresarios nas aulas

O proxecto  Empresa familiar nas aulas deste ano contou con clases e visitas guiadas a empresas, nas que participaron os  empresarios Víctor Nogueira Barrón (Grupo Nogar), Carlota López Pardo (Aresa); Eugenio Rossignoli (Grupo Servicio Móvil); Yago González-Babé (Babé y Cía); Julio Simarro (Congalsa); Emilio Lostalé (Lodiel); Ramón Seijas (Grupo Pérez Rumbao);  Julio Iglesias (Revi); Tino Fernández (Altia); Jesús Manuel Alonso (Jealsa); Ramón Alonso (Cafés Candelas); Elena Pérez (Aceites Abril); Alberto Freire (Aluminios Cortizo); Carmen Lence (Grupo Lence); Adolfo Román (Altia); Dolores Martínez (Galuresa); Ramón Regueira (Grupo Regueira) e Antón Fonseca (Terras Gauda).

Empresa Familiar nas aulas ten como principal obxectivo fomentar o emprendemento entre os estudantes galegos. A Asociación Galega da Empresa Familiar está integrada polas 60 principais empresas de propiedade familiar de Galicia, que facturan 13.000 millóns de euros y empregan a 58.000 persoas. Afundación, Obra Social ABANCA, busca o desenvolvemento integral da sociedade galega e ten a educación como eixo de traballo.

III EDICIÓN PREMIO ‘IMAXINA A TÚA EMPRESA’

Dossier completo do programa Empresa familiar nas aulas

GAÑADOR BACHARELATO:  VINTAGE CAFÉ

A.Veiga García, U. Senra Pregal, J. Adrover Álvarez – Docente responsable: J. Iglesias Dacosta – 2º Bach – IES A SANGRIÑA de A Guarda (Pontevedra)

Descrición: Unha cafetería diferente ambientada nos anos 80/90, especializada en cafés, sobremesas e batidos que ofrece ademais outros produtos como vinilos, CDs e recreativos.

GAÑADOR ESO:  CaNu

N.Pinto Castro, T. Rodríguez González, J. Fontal Lebrón, A. Molina Espinosa, C. Ling Chang Lobo – Docente responsable: M. López Martínez – 4º ESO – Colexio Maristas (Lugo)

Descrición: Empresa de produción de caramelos nutritivos e ecolóxicos, creados cunha fórmula especial saciante, que reduce a sensación de fame de forma saudable e segura.