Membros do Fórum Familiar Galego e da súa homóloga portuguesa Next in Line visitan as plantas das empresas familiares galegas UROVESA e Cortizo

26 de outubro de 2026.– O Fórum Familiar Galego de AGEF e Next in Line, da asociación portuguesa da empresa familiar AEF, participaron os pasados 18 e 19 de outubro nun novo encontro en Galicia a fin de estreitar lazos, compartir coñecemento e coñecer de cercado dúas empresas familiares galegas de referencia.

Tras unha cea de benvida, os participantes visitaron en primeiro lugar a planta pontevedresa de UROVESA, en Valga, centrada no deseño, fabricación e posvenda de vehículos todoterreo e especiais para uso militar, industrial e civil. Tras unha presentación inicial da compañía, o presidente de UROVESA, Justo Sierra, acompañou e guiou ao grupo durante o seu percorrido pola planta, que actualmente é capaz de fabricar uns 2.500 vehículos ao ano, incluíndo o seu icónico “Vamtac”, o modelo da compañía máis vendido no mundo, e que utilizan distintas unidades das Forzas Armadas.

A xornada continuou na localidade coruñesa de Padrón, para visitar as instalacións de Cortizo, referente mundial no deseño e fabricación de solucións de aluminio e PVC para o sector industrial e a arquitectura. Membros da familia Cortizo e directivos da empresa achegaron aos asistentes a historia, actividade e proxectos da compañía, para seguidamente mostrarlles o Campus Tecnolóxico -un viveiro de innovación no deseño de fachadas de aluminio para grandes proxectos arquitectónicos en todo o mundo- e as instalacións fabrís.

Este encontro pon de novo de manifesto o valor de compartir experiencias e fortalecer as conexións entre as novas xeracións da empresa familiar a ambos os dous lados da fronteira.