Merck e Vodafone: a dixitalización empresarial é un medio, non un fin

Merck e Vodafone: a dixitalización empresarial é un medio, non un fin

7 de outubro de 2021. Os expertos en transformación dixital de empresas Alejandro Expósito, Digital, Innovation e Business Operations Director en Merck, e Carlos Becker, director de Empresas Corporate e AAPP de Vodafone en España, defenderon a dixitalización das compañías como unha ferramenta para conseguir obxectivos. “A dixitalización debe ser un medio para conseguir o que a empresa persegue, e non un fin”, afirmaron durante un almorzo-coloquio cunha vintena de empresarios familiares galegos, organizado pola Asociación Galega da Empresa Familiar.

“Pensa no propósito da túa empresa: se te decatas de que a intelixencia artificial, por exemplo, pode axudarte no teu negocio, adiante; pero dixitalizar por dixitalizar non ten ningún sentido. Primeiro hai que ter claro que queres facer e onde queres chegar”, explicou Expósito. O directivo de Vodafone, Carlos Becker, engadiu que os procesos de transformación dixital deben involucrar a toda a compañía dende a base. “Nós nunca levamos a cabo un proceso de transformación sen o proceso de transformación interno que cambie a mentalidade e as actitudes cara un modo de traballar distinto”, sinalou Becker.

Carlos Becker e Alejandro Expósito destacaron que, nun mundo globalizado e cada vez máis dixitalizado, a ciberseguridade converteuse nun elemento indispensable para as compañías, á que todas, grandes, pemes e microempresas, poden tener acceso a través de ferramentas como as que ofrece o Instituto Nacional de Ciberseguridade (Incibe). “En xeral, nas empresas e institucións non houbo concienciación ata que non pasou algo”, observou Becker, e adiantou que, no caso das pemes, “veremos unha aceleración en ciberseguridade o próximo ano”.

Os poñentes concluíron salientando a relevancia da dixitalización como un dos piares para a concesión dos fondos europeos Next Generation, nos que se inclúen partidas específicas para empresas de menos de 250, 150 e 50 traballadores.