Minorar e harmonizar o imposto de sucesións? A eliminación desta taxa podería resolver certas complicacións tributarias

11.10.2018. A modificación ou supresión do imposto de sucesións e doazóns vén de centrar, en parte, o debate político a nivel estatal nas derradeiras semanas. Para as empresas familiares españolas, este imposto concrétase nunha redución dun 95% a un 99% do importe das accións transmitidas. O cambio, a priori, semella beneficiar a continuidade das empresas familiares. Pero, hai matices.

Berta Rivera, directora da Cátedra de Empresa Familiar da Universidade da Coruña, observa que a normativa sobre o imposto de sucesións é complexa, polo que conclúe que a eliminación desta taxa podería resolver certas complicacións tributarias para as empresas de propiedade familiar, como a penalización fiscal á transmisión e os problemas de liquidez.

Na súa análise, Rivera subliña algúns requisitos das empresas familiares para poder beneficiarse fiscalmente do imposto de sucesións, como que “o accionista persoa física debe ter un 5% de participación accionarial de forma individual (ou un 20% de forma conxunta coa familia)”. Tamén debe desenvolver “funcións directivas dentro da empresa” polas que debe recibir “unha remuneración que represente máis do 50% dos seus rendementos do traballo e de actividade económica”. “Ademais, a empresa non debe ter como actividade principal a xestión dun patrimonio mobiliario o inmobiliario”, precisa Rivera.

A complexidade acentúase debido ás diferenzas de interpretación e actuacións dos organismos de inspección e os tribunais económico-administrativos e de Xustiza, ademais de ao endurecemento do tratamento fiscal do imposto de sucesións en diversas comunidades autónomas por unha necesidade recaudatoria.

Tendo en conta estas precisións, a especialista en empresas familiares conclúe que a supresión do imposto de sucesións “estaría en liña coas intencións declaradas de favorecer a transmisión da empresa familiar” e “reduciría a incerteza sobre os constantes cambios normativos aplicados polas CC.AA., e as diferentes interpretacións lexislativas”.

Clica aquí para ler o artigo completo de Berta Rivera, directora da Cátedra de Empresa Familiar da UDC

Novas relacionadas:

Dez autonomías, con menos impostos para herdar unha empresa que Galicia