11 Mar Mozos galegos descobren a contorna industrial con Grupo Revi
11 de marzo 2024. Alumnos do 1º Curso de Ciclo de Grao Medio en Sistemas Microinformáticos e Redes do CIFP Carballeira (Ourense) deron os seus primeiros pasos na contorna industrial da man de Grupo Revi. Acompañados por parte do equipo directivo da empresa, os 28 mozos puideron visitar dúas plantas de produción da compañía, situadas en Quintela de Canedo e na zona industrial do Vinteún en Ourense.
Durante a visita os estudantes tiveron a oportunidade de observar de preto o proceso completo de produción do cable: desde o trefilado do cobre inicial ata o control de calidade, pasando polo cableado, a extrusión e o bobinado.
Julio Iglesias, conselleiro delegado de Grupo Revi, foi o encargado de dar a charla no centro educativo e de acompañar aos estudantes na súa visita ás instalacións. Ambas actividades forman parte de Empresa familiar nas aulas, programa de Afundación Obra Social ABANCA e a Asociación Galega da Empresa Familiar, que este ano celebra a súa 4ª edición coa participación de 900 alumnos de toda Galicia.
Grupo Revi, empresa ourensá fundada en 1960, é especialista na fabricación de condutores eléctricos de baixa tensión, condutores de cobre espido e tubaxes. Na actualidade, conta con seis plantas industriais, tres das cales se atopan en Ourense, e as outras situadas en Laracha, La Carolina e Martorell.
O propósito desta experiencia é abrir novas perspectivas laborais aos máis novos e recoñecer o papel fundamental das empresas familiares na economía galega.
Imaxe: Alumnos do CIFP Carballeira- Marcos Valcárcel nas súas instalacións en Ourense. FOTO: CEDIDA