O 99% das empresas galegas de máis de 60 anos son familiares

29.11.2023. O 99% das empresas galegas con máis de 60 anos de antigüidade son familiares, manteñen a súa sede en Galicia e unha rendibilidade estable e sostible. O presidente da Asociación Galega da Empresa Familiar (Agef), José Bernardo Silveira, participou hoxe na presentación do estudo A lonxevidade das empresas que viven aquí, elaborado polo Instituto de Censores Jurados de Cuentas en Galicia (ICJCE Galicia), coa colaboración do servizo de información Ardán da Zona Franca de Vigo. 

O estudo revela que as empresas galegas máis lonxevas están menos endebedadas que as máis novas e acadan a súa terceira xeración sen necesidade de medrar demasiado: un 62% das firmas con máis de 60 anos son pequenas (menos de 50 millóns de euros en vendas) e un 22,5% ingresan menos de 1 millón de euros anuais. As firmas máis lonxevas pertencen, na súa maioría, a sectores produtivos tradicionais como madeira, pesca, granito e pizarra ou transporte.

“Só un 0,2% das 81.400 empresas que hoxe existen con sede en Galicia teñen máis de 60 anos de vida e, delas, un 99% son familiares. Esta análise confírmanos unha vez máis que as compañías familiares somos o motor económico de Galicia e unha garantía de estabilidade do emprego e a riqueza ao longo do tempo”, sinala José Bernardo Silveira.

Na súa intervención a vocal substituta do delegado do Consorcio da Zona Franca de Vigo, Ana Mª Mejías, destacou a importancia das empresas familiares galegas que “son un piar fundamental da nosa economía, non só polo peso que teñen, senón o que representan a nivel social, na creación de emprego, no arraigamento ao territorio, e a súa sólida cultura asentada nos valores”.

Tamén sinalou que para Consorcio da Zona Franca de Vigo é unha gran satisfacción que o servizo Ardán colabore na elaboración deste informe tan transcendente para as nosas empresas.

A lonxevidade das empresas que viven aquí revela que a maioría das empresas galegas (65%) son de curta idade (20 anos ou menos de vida) e que a idade media do tecido empresarial galego é de 15,5 anos, é dicir, cinco anos máis que a media española e catro anos menos que a media da Unión Europea.

Podes consultar aquí o estudo A lonxevidade das empresas que viven aquí.

 

Na imaxe: Andrés Lucendo, vicepresidente ICJCE Galicia, Enrique González, presidente ICJCE Galicia, Ana Mejías, vogal substituta do delegado Consorcio Zona Franca Vigo, e José Bernardo Silveira, presidente de AGEF. Punto GA | M. Riopa