“O asociacionismo impulsou a visibilidade das empresarias”

17 de setembro de 2021. A directora da Asociación Galega da Empresa Familiar, Margarita Hermo, explicou que as asociacións como a que dirixe contribuíron a dar visibilidade ao talento feminino en Galicia no ámbito empresarial. “O asociacionismo impulsou a visibilidade das mulleres nas empresas galegas”, sinalou, remarcando a importancia de visibilizar ás mujeres nas compañías galegas “para que, o que agora pode parecer minoritario ou excepcional, pase a ser o normal”.

“Agora vemos presidentas, conselleiras delegadas, directoras xerais ou presidentas de consellos de familia”, sinalou durante o congreso Talento empresarial en feminino organizado pola Confederación de Empresarios de Galicia, aínda que matizou que, no caso concreto das empresas familiares, “as mulleres sempre formaron parte do xerme das compañías”. “Houbo unha época na que o liderado visible, por así dicilo, era masculino, pero as mulleres xa estabamos traballando e aportando nas empresas familiares, dende as súas orixes e en todas as súas fases”, engadiu. Hermo mencionou que 1 de cada 3 primeiras executivas de empresas familiares galegas son mulleres, e que representan 2 de cada 3 membros dos consellos de familia.

Sobre o Clube de Conselleiras da Asociación Galega da Empresa Familiar, a directora da asociación enxalzouno como “unha mostra da nosa aposta pola igualdade de oportunidades no mundo empresarial familiar”. “Adoita dicirse que o que non se nomea ou non se ve, non existe, e por iso este clube pon en valor a figura das mulleres empresarias en nada menos que a gobernabilidade e o liderado das empresas familiares galegas: existimos, continuamos existindo e temos que seguir existindo porque somos igual de válidas e capaces que os empresarios homes”, concluíu.

Margarita Hermo participou na mesa redonda “O asociacionismo en clave feminina” xunto coa presidenta do Círculo de Empresarios de Galicia, Patricia García, a presidenta da Asociación Empresarias Galicia, Susana Pérez Iglesias, e Marisol Nóvoa, presidenta da Confederación de Empresarios de Ourense, baixo a moderación da xornalista Fernanda Tabarés.