14 Xul O comité de expertos económicos publica as pautas da recuperación galega
14 de xullo de 2020. O comité de expertos económicos da Xunta de Galicia, do que forma parte a Asociación Galega da Empresa Familiar, vén de publicar o seu informe para afrontar a crise provocada pola Covid-19, un documento que establece as medidas necesarias para mitigar o extraordinario impacto da pandemia sobre a economía galega en catro ámbitos fundamentais: a liquidez dos axentes económicos, o emprego, a solvencia e o fortalecemento financeiro e do impulso e dinamización da economía.
O documento subliña a importancia de garantir a liquidez dos axentes económicos afectados en Galicia dun xeito sistematizado, a través da actuación coordinada aos diferentes niveis de Administración pública. Facilitar liquidez de forma inmediata aos traballadores acollidos a un ERTE durante o estado de alarma, priorizar a tramitación dos procedementos tributarios de devolución, pagos e subvencións, potenciar os mecanismos de compensación de créditos e débitos tributarios e aprobar liñas de financiamento con garantía pública para axudar ás empresas a enfrontar os gastos e investimentos iniciais precisos para seguir correctamente o novo protocolo de seguridade sanitaria son algunhas das 20 medidas consensuadas.
En termos de emprego, a flexibilidade e o diálogo son tamén claves principais para a recuperación dos postos de traballo, no marco da protección dos traballadores e a viabilidade futura das empresas. A introdución de mecanismos de flexibilidade na xornada laboral, a implementación de bonificacións e deducións nas cotas á Seguridade Social e a aposta pola prevención de riscos laborais son algunhas das medidas propostas para reducir o impacto que o desemprego provoca nas contas públicas.
O comité recomenda á Administración a adopción dun papel especialmente activo para manter o actual tecido produtivo galego e garantir a solvencia das compañías, apoiando os procesos de adaptación que permitan captar fondos para continuar a actividade. Para conseguilo, os expertos propoñen a creación dun fondo galego de capital público e privado que invista nas compañías afectadas polo coronavirus, incentivar a concentración empresarial ou ampliar e crear novas liñas de financiación ICO.
Como impulso á economía galega, o comité de expertos salienta a importancia de medidas de estímulo da actividade coordinadas a escala global, europea, española, autonómica e local, e igualmente compatibles coas normas de saúde pública para evitar rebrotes nos vindeiros meses. A través dun programa de proxectos tractores desenvolvidos pola Xunta de Galicia, os expertos económicos avogan pola creación, impulso e dinamización de cadeas de valor estratéxicas para Galicia.
Para a recuperación económica, os expertos inciden na importancia de acadar programas específicos tamén para autónomos e pemes e para todos os sectores, desde comercio, hostalaría, restauración e sector cultural ata automoción, construción, rural, e pesca e mar; así como fomentar a instalación de novas empresas e a necesidade de novas medidas tributarias, financeiras e de reforma estrutural máis vantaxosas para facilitar e atraer investimentos e crédito; e finalmente acelerar a dixitalización, a educación e o mecenado.
O grupo de expertos da Xunta de Galicia vén de fixar tres plantas clave para a dinamización económica e a creación de emprego: unha para a fabricación de hidróxeno a partires do excedente eléctrico, outra de viscosa con orixe na madeira dos montes para o téxtil e unha terceira de biogás a partires dos puríns do sector gandeiro, a desenvolver nos anos 2020 e 2021 con financiación autonómica, estatal e europea.
Consulta aquí o informe completo.