O compromiso da empresa familiar co investimento social

24.11.2023. A directora xeral da Asociación Galega da Empresa Familiar (Agef), Margarita Hermo, destacou hoxe o compromiso das compañías de natureza familiar coa súa contorna social e ambiental. “A relación entre empresa familiar e ética é total porque forma parte do noso ADN. As empresas familiares poñen os seus apelidos nun proxecto no que se xogan a súa propia reputación” sinalou Hermo.

Agef participou hoxe na IV Xornada de Responsabilidade Social Empresarial (RSE) celebrada en Pontevedra, coa intervención de 27 empresarios, académicos, xornalistas e responsables do sector público, coa asistencia de máis de 70 integrantes do Foro Empresa Pontevedra. “As empresas familiares galegas, na súa maioría pequenas, investimos cada ano 98 millóns de euros en accións sociais de mecenado e patrocinios na nosa contorna máis próxima”, lembrou a directora da Asociación Galega da Empresa Familiar.

O debate estivo moderado pola xornalista Sofía Vázquez e contou coa participación de Javier Molero, director de proxectos e axenda 2030 do Pacto Mundial da ONU; Yolanda Molares, directora do Instituto para o Crecemento Sostible da Empresa (Icsem); Isabel Doval, vicerreitora de Benestar da Universidade de Vigo; e Ignacio Rodríguez, director de Fondos Europeos e Sustentabilidade do Banco Sabadell.

Javier Moledo indicou que, das 23.000 empresas de todo o mundo adheridas ao Pacto Mundial, 1.600 firmas son españolas.

 

Na imaxe: A directora de Agef (primeira pola esquerda), esta mañá en Pontevedra. FOTO: Punto GA | M. Riopa