O Fórum Familiar organiza unha actividade outdoor de rescate simulado e visita as instalacións de Zendal no Porriño

10 de xuño de 2025.– O Fórum Familiar Galego, que reúne aos membros máis novos das empresas familiares asociadas, organizou o pasado venres unha xornada outdoor (“Rescue Day”) e unha visita guiada ás instalacións do grupo biotecnolóxico Zendal no Porriño.

A actividade, impartida por expertos da compañía de formación en seguridade aérea, marítima e terrestre, SEGANOSA, consistiu nunha simulación de catástrofe, na que cada equipo de cinco ou seis persoas debía superar misións de rescate. A finalidade do desafío consistía en fortalecer o traballo en equipo, estimular a competencia e o liderado, e concienciar sobre a capacidade de adaptación aos cambios; valores e ferramentas aplicables no día a día de calquera compañía.

Tras unha parada para un interesante xanto coloquio, co CEO do grupo biotecnolóxico Zendal, Andrés Fernández, os participantes na xornada realizaron unha visita guiada ás instalacións desta empresa familiar galega no Porriño.

Con máis de 30 anos de actividade, Zendal é a marca corporativa do grupo biotecnolóxico, baixo a que se integran varias compañías de investigación e desenvolvemento, fabricación e comercialización de vacinas, produtos farmacéuticos de valor engadido e probióticos para saúde humana e animal. O grupo conta con tres centros de I+D e plantas de produción nas localidades do Porriño, Barcelona, León e Paredes de Coura (Portugal); emprega a un total de 650 persoas, das cales 450 traballan nas instalacións do Porriño; e está presente en máis de 65 países.

 

Pé de foto: visita ás instalacións de Zendal no Porriño