23 Set “O noso principal capital son as persoas”
23 de setembro de 2020. O presidente da Asociación Galega da Empresa Familiar (Agef) e do Grupo Nogar, Víctor Nogueira, e o conselleiro delegado de Hijos de Rivera, Ignacio Rivera, defenderon o papel das empresas familiares galegas desde o inicio da crise do coronavirus como preservadoras do emprego e a riqueza e destacaron o papel de todas as persoas que forman parte delas durante un coloquio en Economía Digital Galicia. “O noso principal capital son os traballadores, as persoas que están na empresa”, sinalou Nogueira.
Entre as capacidades das empresas familiares puxeron o acento no menor recurso a medidas de regulación de emprego neste tipo de compañías. “Xunto co sector e a filosofía propia dunha empresa, o carácter de empresa familiar axuda na decisión de non recurrir ao ERTE porque o principal capital que temos son as persoas”, continuou o presidente da asociación.
Aínda que matizou que non todas as compañías galegas o tiveron igual de fácil para evitar tomar medidas reguladoras de postos de traballo, como aquelas que viron reducida ou paralizada a súa actividade desde marzo, Nogueira puxo en valor o bo clima laboral das empresas de propiedade familiar. “Isto non só é mérito do empresario: grazas os traballadores e o seu alto nivel de responsabilidade foi fácil asumir medidas que supuxeron sacrificios para todo o mundo, como o cambio de horarios ou a conciliación familiar, xa que o diálogo é máis próximo e permanente”, explicou.
Ignacio Rivera, que tamén é membro da xunta directiva de Agef, subliñou o caso de Hijos de Rivera que, como Grupo Nogar, descartou poñer en marcha un ERTE e solicitou pólizas de crédito para afrontar a crise. “Nós dicimos que a nosa gran familia é a xente que traballa aquí, e no gabinete de crise a decisión saíu por natureza. As persoas dos supermercados tiñan moito traballo, as que traballaban nos bares non tiñan traballo, as que traballaban en distribución deixaron de traballar… e decidimos tomar unha decisión corporativa: a xente da canle Horeca (a domicilio) apoiou moito á dos supermercados e o resto quedou na casa”, contou Rivera.
Nogueira e Rivera salientaron o esforzo das empresas galegas para afrontar a crise, unha experiencia na que ambos ven aprendizaxe e oportunidades, como o impulso á dixitalización e ao e-commerce, mais sinalaron a necesidade de poñer en marcha un plan de longo alcance. “Estamos a ser moito máis reactivos que proactivos”, indicou Ignacio Rivera, quen observa que para os empresarios está resultando difícil dar visión estratéxica aos seus negocios. “Eu tómome o ano que vén como 2 anos: de xaneiro a xuño e de xullo a decembro”, indicou, e relatou como Hijos de Rivera decidiu modificar a súa canle de envases retornables. “A cadea de valor cambia e é unha revolución na que tes que estar moi reactivo”, engadiu.
Fiscalidade: “Os galegos temos dereito a morrer na nosa terra”
Diante do escenario económico que se presenta, cunha recuperación económica máis lenta do que se prevía, e o problema demográfico que afecta a Galicia e ao resto de Europa, Nogueira e Rivera sinalaron a necesidade de apostar por medidas de medio e longo prazo que fomenten emprego e riqueza e a creación de empresas en Galicia, e para iso puxeron o acento na eliminación de trabas para combater a deslocalización e impulsar o investimento estranxeiro.
“No Brasil, se invistes en estados deslocalizados axúdanche a establecerte neses sitios. Aquí facémolo ao revés. Ao estar deslocalizada, Galicia debería ter vantaxes fiscais, mais ten desvantaxes. E os galegos temos dereito a morrer na nosa terra”, exemplificou Ignacio Rivera en base á súa experiencia no mercado sudamericano. Nogueira, pola súa parte, expresou o seu desexo de incentivar que os empresarios de fóra de España poidan establecerse en Galicia para reverter a tendencia actual de empresarios que abandonan a comunidade.
“En Galicia temos un problema de competitividade fiscal e burocrática”, sinalou o presidente da Asociación Galega da Empresa Familiar, quen apoiou a creación dun organismo específico para eliminar dilacións administrativas que permita crear empresas nun prazo máis curto e solicitou vantaxes fiscais en sociedades ou patrimonio para combater a deslocalización ou a eliminación do imposto de sucesións.
Algunhas das medidas comentadas por Víctor Nogueira e Ignacio Rivera están incluídas nos informes do comité de expertos económicos da Xunta de Galicia, creado no marco da crise da Covid-19 e que contou coa participación da Asociación Galega da Empresa Familiar.